Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Coruña renuncia a ser sede do Mundial de 2030

A Coruña renuncia a ser sede do Mundial de 2030

A alcaldesa, Inés Rey, vencella a decisión coas esixencias da FIFA que ían máis aló da capacidade do estadio e que, segundo dixo, "hipotecaban a cidade": "O desexo do Concello era ser sede, pero non a calquera prezo"

Concello e Deportivo alíanse para teren un mellor entendemento para o futuro e modernizar Riazor e a súa contorna: "O Mundial era para uns días, pero este proxecto é para as vindeiras décadas", asegurou a alcaldesa

Abel Caballero insta a levar a delegación da FIFA a Vigo para ver o estadio de Balaídos e o seu "proxecto imbatible"

EFE/Cabalar
G24.gal 16/03/2026 10:10 Última actualización 16/03/2026 15:58

A Coruña non será sede do Mundial de 2030. Saíra como unha das elixidas na primeira lista da Federación Española e da FIFA pero a imposibilidade de acometer as infraestruturas necesarias fan que desde o Concello se modifique a decisión inicial. 

"Queriamos ser sede pero non a calquera prezo" comezou dicindo a alcalcesa Inés Rey nunha comparecencia conxunta co Presidente do Deportivo Juan Carlos Escotet e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.

"Renunciamos á candidatura pensando no mellor para a cidade", asegurou Rey, que considera o Mundial como un evento "para uns días e a nova visión do proxecto de reforma de Riazor será para as vindeiras décadas". 

O que acordan Concello, Deportivo e Deputación é unha reforma integral do estadio de Riazor e do seu contorno, incluído o Pavillón de Deportes. Club e Concello pasan a ir da man. Como dixo Inés Rey, "cando ao Deportivo lle vai ben, favorece a toda a cidade". 

O presidente do Deportivo, Juan Carlos Escotet, subliñou o acordo histórico entre Concello e a entidade que preside para os vindeiros anos: "Actuamos como un activo estratéxico da cidade. Esta alianza busca consolidar o vencello co contorno social e urbano da Coruña desde unha xestión responsable e profesional", dixo Escotet. Desde o club reiteraron o seu compromiso "firme e a longo prazo co investimento no Deportivo e o complexo de Riazor". 

Escotet definiu Riazor como "un espazo de identidade colectiva" e a súa reforma integral "pretende evolucionar o estadio e a súa contorna" de maneira que se integre na vida diaria da Coruña e "xere valor os 365 días do ano" con actividade deportiva, social e cultural e sexa "un motor de dinamización" que "proxecte o nome da Coruña con rigor e profesionalidade".

"A renuncia foi dura, pero gobernar é tomar decisións"

A alcaldesa, nunha comparecencia posterior ante a prensa, detallou que a renuncia á candidatura, xa comunicada á FIFA, foi complicada. 

"Non é fácil, pero gobernar é tomar decisións e tomalas pensando no ben común, no interese xeral. É unha decisión sensata e responsable. Cun proxecto ilusionante para o futuro e cun impacto moi positivo", argumentou.

O que ocorreu foi que a FIFA expuxo "unha serie de esixencias", máis aló de ampliar da capacidade de 32.500 a 48.000 butacas, polo que chegou un momento en que "fixeron inviable" continuar coa candidatura, "sobre todo pensando no club".

Nese momento "houbo que ponderar" e optouse por non continuar, dixo Rey, quen citou cuestións como as zonas VIP e relacionadas coa distribución dos espazos, polo que a decisión final foi renunciar a unha candidatura que "hipotecase á cidade" e centrarse no acordo alcanzado.

Para levalo a cabo constituirase unha comisión de coordinación co club na que se avanzará nos detalles, tras este primeiro acto institucional, dunha reforma que irá máis aló do estadio, pois é "unha proposta ambiciosa" que inclúe a modificación e modernización de todo a contorna deportiva para que a satisfacción perdure durante anos, tras un acordo que "a cidade agradece e necesita".

O estadio municipal de Riazor data de 1944, foi sede do Mundial 1982 e tivo a súa única ampliación -á marxe de pequenas modificacións- en 1998 ao engadir as bancadas nos fondos. 

Nas filas dos socialistas entenden a renuncia da Coruña, pero agardan que Vigo poida tomar a remuda. "O máximo respecto a esa decisión. E que finalmente se acepte que Vigo sexa sede do Mundial", reclama o Secretario xeral do PSdeG, José Ramón, Gómez Besteiro. 

Desde o Partido Popular falan dun gran fracaso:"Os coruñeses sentímnonos enganados. A alcaldesa mentiunos a todos", di Miguel Lorenzo, Portavoz municipal do PP.

 Rueda lamenta a renuncia: "Non é unha boa noticia"

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, afirmou que "non é unha boa noticia" que A Coruña renunciase a acoller partidos do Mundial de fútbol de 2030 porque Galicia "perde a posibilidade de ser unha sede que xa estaba confirmada". Destacou que a Xunta "está disposta a colaborar" a pesar de que "a sede da Coruña xa non vai se é posible".

Neste sentido, lembrou que a Administración autonómica comprometeuse, "na medida das posibilidades orzamentarias", a achegar "un 25% dos custos" unha vez que se coñecesen e se os cría "razoables".

Vigo insiste en ser sede

A Federación Española de Fútbol anunciara o 19 de xullo de 2024 as sedes de Anoeta (San Sebastián), Camp Nou (Barcelona), Gran Canaria (As Palmas), A Cartuja (Sevilla), A Rosaleda (Málaga), Metropolitano (Madrid), Romareda (Zaragoza), RCDE Stadium (Barcelona, Cornellá-El Prat), Riazor (A Coruña), San Mamés (Bilbao) e Santiago Bernabeu (Madrid). A primeira en renunciar foi Málaga e agora, A Coruña, algo que lle pode abrir a porta ao Nou Mestalla (Valencia) e Balaídos (Vigo), que amosaron desde o principio a súa intención de ser sedes do evento. 

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, instou "inmediatamente" ao presidente da Real Federación Española de Fútbol, Rafael Louzán, a levar a delegación da FIFA á súa cidade para ver o estadio de Balaídos e o seu "proxecto imbatible" para acoller o Mundial do ano 2030, que seguirá pelexando "con uñas e dentes".

"Nós si que cumprimos", proclamou o alcalde socialista. "O noso proxecto vaise impoñer, co apoio do Consello Superior de Deportes e co apoio da Ministra de Deportes e ímolo a seguir pelexando con uñas e dentes", aseverou o alcalde vigués.

O alcalde lembrou toda a polémica que levou a Vigo a quedar fóra das preseleccionadas despois de estar entre as once elixidas nun borrador previo, ata que "toda a presión de Louzán", segundo el, supuxo que a cidade se vise adiantada por San Sebastián nun proceso con "trampas". "Vigo gañou no proceso de preselección e por tanto Vigo ten o dereito a ser cidade sede do Mundial", sentenciou Caballero. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade