O Mecalia Guardés arrasa ao Erice (19-30) para meterse nos 1/4 de final da European Cup
As galegas defendían o 25-22 da ida, pero desnivelaron o choque na primeira metade e non lles deron opción ás sicilianas
Balzinc rematou o partido con máis do 50% de paradas, e Cacheda comandou o apartado goleador con 7
O Mecalia Atlético Guardés xa está nos cuartos de final da European Cup. Clasificouse nun gran partido de volta en Sicilia, despois de gañar na Sangriña por tres goles nun encontro de ida moito máis igualado. Porque as de Ana Seabra estiveron fortes en defensa e resolutivas en ataque durante todo o partido, logo dun inicio co Erice mellor á contra, que axiña se converteu nun espellismo.
Logo dos dez minutos, e coas locais gañando por 7-4 (e, polo tanto, empatando a eliminatoria), dúas exclusións das italianas resultaron determinantes. O Guardés igualou o choque, e púxose por diante despois dun tempo morto local que non trouxo solucións. Neses minutos, as prestacións goleadoras de Cecilia Cacheda e Hautman foron chave, con Balzinc desbaratando as tentativas locais de subir goles ao marcador.
O 10-17 ao descanso xa deixaba ás galegas cun pé nos cuartos. Pero non levantaron o pé do acelerador, e a vantaxe foi aumentando ata que dobraban no marcador ás italianas.
Os últimos dez minutos foron un mero trámite, coas galegas pensando xa nos cuartos de final da competición. O Guardés agarda rival despois dun golpe na mesa das sicilianas, con Cacheda comandando a anotación con 7 goles, e Balzinc pechando unha gran actuación con 16 paradas.