O Marisquiño enche a praia de Samil coa exhibición dos mellores especialistas en deportes urbanos
Este sábado tiveron lugar as fases clasificatorias para as finais que se celebran o domingo, coa clausura do festival
O francés Adrien Loron gañou o espectacular descenso en bicicleta desde o monte Castro ata a esplanada da Laxe, no porto
Baloncesto 3x3, saltos en moto, mostras de graffiti, breakdance e música completan o programa
Na pista de BMX toma a saída un dos participantes locais nunha das probas que máis público concentran. Moitos deportistas vigueses e galegos en xeral iniciaron aquí a súa afección.
"Fun escalando dende a categoría junior, cando emepcei no Marisquiño, agora estou en categoría elite. O ano pasado quedei terceiro na modalidade de street, e teño moitas ganas de mellorar este ano o resultado", comenta Saúl Vilar, rider vigués, que decidiu subir á bicicleta cando de cativo viu por primeira vez as acrobacias dos aprticipatnes no festival.
As finais terán lugar o domingo. A cita viguesa consolídase no calendario mundial, xa que concentra os mellores de cada discpilina.
"Ao final están nun alto nivel de cardio, como un atleta de verdade, todo os días están poñéndose as pilas... E a min éncheme de orgullo, porque eleva moito o potencial deste deporte", sinala Courage Adams, nixeriano de nacemento, aínda que criado en España, deportista de primeiro nivel mundial, gañador oito veces o Marisquiño, pero que este ano non puido participar por unha lesión.
"Ano a ano o festival vai mellorando, tanto pola calidade dos deportistas, como dos artistas", afirma Elio Brei, pintor e artista urbano de Lisboa, que acode por cuarta vez a edición do Marisquiño e participa na elaboración das pinturas graffiti que decoran a parte traseira da pista de skate.
O francés Adrien Loron e a chilena Fernanda Gildemeister foron os gañadores da proba máis agardada, o espectacular descenso dende o monte Castro ata A Laxe celebrado na tarde do sábado.