O mantemento e a revisión axeitada do coche, factores esenciais para unha viaxe sen sobresaltos
Comprobar o bo estado e funcionamento dos elementos de seguridade, de iluminación e de climatización dos vehículos é moi importante para emprender viaxe por estrada
Estamos en época de que a rutina de coller o coche se multiplique tamén para desprazamentos longos. Para facelos sen tropezo e con seguridade, un factor fundamental é o mantemento da máquina.
"Hai que revisar os freos que é moi importante, os pneumáticos que tamén son elementos moi importantes e facerlle o mantemento de aceite, filtros, revisar 'latiguillos' e partes de seguridade como rótulas para que sexa unha viaxe sen problemas, con tranquilidade e logo tamén as luces son outro sistema moi importante, como os amortecedores, tantas veces esquecidos, pero fundamentais na seguridade e se os aceites están cambiados como hai que facer por tipo e quilometraxe, o coche vai durar moito máis", relata Antonio J. Canabal Baltar, propietario de Mecanabal.
O bo funcionamento da climatización ademais do bo estado dos limpaparabrisas e de lámpadas completan o paquete dese mantemento esencial focalizado na parte eléctrica.
"A batería é unha peza máis complexa: pode funcionar moi ben e pode fallar no medio da viaxe. Se se nota que ao arrincar hai diferenzas co funcionamento normal é importante cambiala tamén", salienta Canabal.
E como nos di ás portas do taller Xosé Manuel, un condutor de turismos e de furgonetas, hai comprobacións que deben formar parte da rutina permanente para un chofer.
"A auga de refrixeración e logo as rodas en bo estado e coa presión correcta cando se vai viaxar pero iso non é só cando se vai saír de vacacións, debe ser o día a día e así evítanse bastantes problemas". E a partir de aí, boa viaxe.