En Porto do Son arden cinco coches nun aparcadoiro temporal das festas de Queiruga
Investígase se foi intencionado ou por un fallo mecánico nun dos vehículos
O lume comezou nun dos coches e estendeuse aos que estaban estacionados a carón del
O lume saldouse sen feridos e os equipos de extinciónpoideron evitar danos maiores
Cinco coches arderon esta madrugada nun aparcadoiro habilitado preto do campo da festa de Queiruga, en Porto do Son. A Garda Civil investiga como se produciu o lume que, segundo as primeiras investigacións, comezou nun deles e propagouse aos que tiña arredor.
Pouco antes da unha da madrugada a orquestra que actuaba nas festas de Queiruga daba o aviso.
"Estabamos na festa e a cantante saíu correndo avisar de que foramos retirar coches porque había un aparcadoiro ardendo. Vimos xa que había moita xente correndo cara a un dos aparcadoiros próximo á festa", asegura unha testemuña
O terreo habiilitado como aparcadoiro estaba cheo de vehículos e moitos deles quitáronos os propietarios antes de que chegaran os servizos de urxencia para evitar que arderan. No operativo participaron os bombeiros de Ribeira e Boiro, Protección Civil e unha brigada de bombeiros forestais.
"Chegou a Garda Civil e Bombeiros e xa avisar de que se tivese coidado no perímetro do incendio e non se accedese"
As laparadas e os estalos dos coches ao arder alertaron aos veciños que temían que o lume se estendese.
"Desde o campo da festa víase grande, pero ao chegar os bombeiros traballaron sen problema e non se estendeu aos vehículos que había na leira, que estaba chea"
Esta mañá os equipos de investigación da Garda Civil recollían mostras nos vehículos para investigar se o lume foi intencionado ou se orixinou por algún fallo técnico.
Foi unha noite de moito traballo a de onte en Queiruga, Porto do Son. Contra as 23 horas, os bombeiros de Ribeira e Boiro rescataban o corpo sen vida dun home dos cantís de Queiruga.