Extinguido o incendio na nave de reciclaxe do polígono do Caramuxo de Vigo
O incendio comezou contra as 10 da mañá deste domingo e estivo dúas horas ardendo
Unha grande columna de fume negro foi visible desde diferentes puntos da cidade
Un incendio nunha das naves de reciclaxe do polígono vigués do Caramuxo movilizou os servizos de emerxencia da cidade. Hai case dous anos o lume arrasou a estrutura destas mesmas instalacións, as do punto limpo de Vigo. Despois de dúas horas traballando os bombeiros tiñan o incendio sufocado e baixo control.
Os bombeiros de Vigo continúan aquí aínda que o incendio está sufocado e baixo control. Poucos minutos pasaban das dez da mañá cando varios veciños alertaban ao 112 de que unha intensa fumareda negra sobrevoaba este polígono do Caramuxo. O lume orixinouse nunha das naves de reciclaxe, no punto limpo de Vigo que xestiona a empresa Toysal.
Varias dotacións de bombeiros, policía local, nacional e membros do Seprona movilizáronse ata este punto do suceso. En só media hora sufocaron as lapas e evitaron o máis importante, que se propagara a naves contiguas. Hai que ter en conta que ata aquí, como punto limpo, chega moito papel, plástico, colchóns e todo tipo de aparellos electrónicos así que o protocolo anticontaminación obriga a extremar as precaucións.
Non sabemos aínda canto de afectada está esta nave onde ardeu o papel pero a simple vista, desde fóra, a súa estrutura mantense en pé. As consecuencias non van ser tan graves como naquel setembro de 2023 cando un incendio deixou as instalacións practicamente arrasadas. En marcha está xa unha investigación para determinar por que se produciu este lume.
.png)