O lume arrasa 2.200 hectáreas na Barbanza, pero cunha evolución favorable
Os incendios activos en Galicia nas últimas xornadas levan arrasado 4.000 hectáreas

O lume avanza na serra do Barbanza, pero os traballos nas últimas horas dos equipos de extinción están a lograr que a evolución das lapas sexa favorable. Permanece activo e mantén a situación 2 como medida preventiva, aínda que este domingo non hai perigo para as casas.
Tamén amainou o vento, o que permite o traballo dos equipos terrestres e aéreos con menos dificultades.
O incendio xa arrasou na Barbanza 2.200 hectáreas de terreo tras propagarse sen control o sábado.
Nas aldeas de Vilas e de Santa Cruz, no concello da Pobra, estiveron moi pendentes da evolución do incendio pola proximidade ás casas. Pechou desde o venres pola tarde a subida ao miradoiro da Curota, que quedou arrasado polas lapas.
Producíronse continuas reproducións en focos do incendio tras cercar núcleos de poboación tanto en Boiro coma en Ribeira ou na Pobra, onde o sábado estivo a situación máis delicada.
Na aldea pobrense de Entrerríos, os turistas desaloxados de dous hoteis rurais xa puideron volver.
Nos labores de extinción están a traballar, entre outros medios, a Unidade Militar de Emerxencias, 15 avións, 12 helicópteros e unhas 200 persoas das brigadas terrestres, ademais dos veciños das zonas afectadas.