O Lugo non pode cun Talavera en inferioridade (0-0) e afástase da promoción
Os de Álex Ortiz non puideron marcar malia á expulsión de Luis Acosta, e o público do Anxo Carro acabou amolado
Foto: @CFTalavera
O Lugo non puido co Talavera, rival da zona de descenso, que ademais quedou con dez durante toda a segunda metade. Este empate sen goles deixa ao cadro lugués a catro da zona de play off, e provocou algúns apupos ao remate do encontro do Anxo Carro.
O partido comezou cunha mala nova, a lesión de Pastrana, que tivo que ser substituído e podería ser grave. O Lugo seguiu buscando o gol, consciente da necesidade da vitoria para non quedar descolgado da cabeza, e acabaría atopándoo no minuto 27. Un centro desde a dereita despexábao Belman, pero o balón tropezaba en Reniero e acababa nas mallas. A revisión posterior acabou invalidando o tanto por mans do dianteiro.
A seguir, o colexiado non apreciou penalti nun centro desviado claramente co brazo de Ferni. O Lugo continuou co cerco á porta de Belman, e Jorge González tivo unha gran ocasión que rematou cruzada. Tamén cabeceou fóra Reniero a seguinte.
Nada máis iniciarse a segunda metade, unha caída de Reniero ao bordo da área foi sancionada cun penalti. Pero, outra vez, a revisión cambiou a xogada, que pasou s ser fóra da área, pero con cartón Vermello para Luis Acosta. Quedaba con 10 o Talavera, e a piques estivo de aproveitar a falta Gallar. Parouna Belman.
Quedaba aínda medio partido, pero os sucesivos intentos do Lugo non atoparon premio, especialmente senllos remates axustados de Gallar e Lago Junior, que acabaron fóra. O marcador non se moveu, malia aos últimos intentos de Gallar no tempo engadido, e o Lugo perde unha gran ocasión de rematar a xornada a dous puntos da promoción. Terá que seguir remando o cadro lugués.
