O Lugo empata co Levante (1-1) na estrea de Fran Justo
O partido do Anxo Carro tivo varias accións polémicas
O árbitro anulou un gol do levantinista Iborra no tempo engadido logo de consultar o VAR
O Lugo sacou un empate do primeiro partido con Fran Justo como adestrador, aínda que o técnico non puido sentar no banco por sanción.
Foi un partido que comezou ben para os lugueses. Sebas Moyano abría o marcador logo de aproveitar unha perda de balón da defensa visitante na saída. O xogador albivermello rematou axustado para establecer o 1-0.
Aos poucos, o Levante foi medrando e gozou da súa mellor ocasión pouco despois da media hora, logo dun polémico penalti. O árbitro sinalaba penalti tras consultar unha acción no VAR. Viu unhas mans de Xavi Torres. Era a sexta pena máxima da temporada na contra do Lugo, e Campaña non perdoou no lanzamento para empatar a uns.
Na segunda metade houbo ocasións, pero cumpriu agardar polo desenlace ata o tempo engadido. Iborra acababa enviando á rede nun enorme barullo na área. O gol subiu inicialmente ao marcador, pero o colexiado, ao consultar co VAR, decidiu anulalo. O empate a un convertíase en definitivo.
Primeiro punto con Fran Justo no banco dos lugueses.