Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Lugo asalta o Espiñedo no derbi galego

O Lugo asalta o Espiñedo no derbi galego

A expulsión de Jordan fíxolle longo o partido a un Arenteiro que comezou gañando

G24.gal 05/05/2024 20:53

O C. D. Lugo visitou esta tarde o Espiñedo coa intención de afastarse da zona de descenso. Pola contra, o Arenteiro buscaba seguir sumando e mesmo engancharse o máximo posible aos postos de promoción. 

O partido comezaba igualado, pero cun Arenteiro que propoñía máis e buscaba o gol activamente. Os locais terían unha primeira ocasión moi clara nunha falta que batía no pau dereito da portería lucense pero acabaría saíndo. Pola mesma vía chegaría o primeiro gol do partido: o saque de esquina dende o mesmo perfil atopa rematador en Manín, que envía o balón á rede. Pareceu que se mancase na caída tras o salto, pero foi quen de seguir xogando tras recibir a asistencia médica. Momentos despois terían lugar dous sucesos que dinamitarían o partido.  Non serían outros que dous cartóns amarelos en contra dos locais, ambos a Jordan, que desembocarían na súa expulsión no minuto 17. O árbitro non pasaría desapercibido e non soamente por esta xogada, minutos despois habería unha falta na frontal do Arenteiro, en que os lucenses reclamaron penalti malia que o colexiado sinalara fóra. O partido chegaría ao descanso cun Arenteiro que seguiu a dar a cara lonxe de meterse atrás, malia atoparse cun xogador menos. 

A segunda parte tería preparado un cambio de guión para o encontro. A polémica actuación arbitral seguiu a dar que falar nunha xogada en que o árbitro sinalou saque de banda para os locais, pero permitiu que sacasen os visitantes e tivo lugar unha ocasión clarísima que logo foi anulada, porque segundo alegou non sinalara o saque de banda que fora realizado. No respectivo ao xogo, o Arenteiro mantivo a boa imaxe durante os primeiros intres, pero paseniño o Lugo foi gañando forza a base de ocasións de gol, e no minuto 61 Castrín poñería as táboas no marcador. Dende ese momento o Arenteiro atopou moitas dificultades para saír e xerar xogo, algo do que o Lugo sacou partido e engaiolou aos locais no seu campo durante varios minutos. Os goles caerían nos últimos quince minutos. Primeiro, no 77, Quintana dispararía dende o pico da área un balón aparentemente inofensivo que conseguiu coarse por debaixo das luvas dun Pablo Brea que fixera unha moi boa primeira parte. No último tramo do partido o Lugo podería marcar varios goles, pois gozou de ocasións clarísimas. Non obstante, só acabaría nas mallas un remate de Bernardo Cruz nun córner no minuto 85. 

Tres puntos vitais para o Lugo, que lle permiten afastarse un pouco máis da zona de descenso. De feito, os de Trashorras (46 puntos) colócanse a só catro puntos dos de Javi Rey (50 puntos).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar