O loteiro coruñés de San Agustín e o seu irmán irán a xuízo por quedar co boleto premiado
A Audiencia Provincial da Coruña exime de responsabilidade penal os catro altos cargos de Loterías e Apostas do Estado
A Audiencia Provincial da Coruña acaba de emitir un auto en que exculpa os catro altos cargos de Loterías e Apostas do Estado que estaban investigados, pero senta no banco dos acusados o vendedor de lotaría e o seu irmán como supostos autores dun delito de apropiación indebida e outros conexos.
O loteiro asegura estar desgustado e decepcionado. Confía en que o xuízo se celebre o canto antes para demostrar, di, a súa inocencia pero asegura que o dano xa está feito.
Manuel Reija sempre defendeu que atopou no seu despacho a Primitiva premiada con 4 millóns 700.000 euros, en xullo de 2012, cando estaba só. Porén un informe elaborado pola Policía Nacional conclúe que Manuel puido enganar o verdadeiro dono do boleto para quedar cos cartos.
E engade que despois se puxo en contacto co seu irmán, delegado provincial de Loterías para, entre os dous, facer o posible para manter o segredo do descubrimento da Primitiva millonaria e así poder cobrala cando se cumprisen os prazos legais sen que aparecese o lexítimo dono.
A Audiencia Provincial da Coruña acaba de ordenar a apertura do xuízo oral, pero polo momento non hai data.