O Liceo deberá reconstruírse logo do último éxito
Sete dos xogadores que conformaban o equipo campión deixarán o club
Mantéñense Dava Torres, Carballeira e Álex Rodríguez
Nove anos despois, o Liceo volveu ofrecer unha liga aos seus. O Pazo dos Deportes de Riazor foi o escenario dunha comuñón plena entre xogadores, técnicos, directivos, traballadores do club e afeccionados. Unha celebración dun éxito maiúsculo e que ben merece a honra de protagonizar a inminente festa de San Xoán na Coruña.
Será un fito máis na historia dun club que se supera sempre. E que terá que facelo outra vez a vindeira temporada. Porque o acto de celebración tamén foi o da despedida de sete xogadores.
Non vai ser nada novo para o Liceo nin para Juan Copa, un traballador incansable cunha capacidade especial de atraer bos xogadores e que sabe rodearse como ninguén dun fantástico equipo.