O Leyma, quinto ascendido que gaña a Real Madrid e Barça na mesma tempada
Un fito que conseguira por última vez o Lucentum Alacante na campaña 2002-03

Coa súa vitoria onte á noite ante o cadro dirixido por Joan Peñarroya, o Leyma Básquet Coruña converteuse no quinto equipo recentemente ascendido á ACB que consegue gañarlles ao Real Madrid e ao Barça nunha mesma tempada de Liga Endesa.
Un fito que conseguira por última vez o Lucentum Alacante na campaña 2002-03, cando venceu os brancos na xornada 11 grazas a un parcial de 23-3 no último cuarto (83-70) e aos blaugrás na 30 (85-75). Do mesmo xeito que esta tempada o equipo laranxa, naquela ocasión as dúas vitorias do conxunto alacantino producíronse como local.
Unha tempada antes, na 2001-02, sucedeu algo que non pasara nunca e que de momento non se volveu repetir: os dous clubs debutantes, CB Granada e Caprabo Lleida, tombaron os dous xigantes do baloncesto español. Por unha banda, a escuadra andaluza superou como local o FC Barcelona de Aíto García Reneses na primeira xornada da segunda volta (87-82) e poucas datas despois impúxose, nesta ocasión a domicilio, ao Real Madrid de Sergio Scariolo.
O Lleida, pola súa banda, venceu os brancos na última xornada da fase regular para clasificarse para o play-off (84-65) e despois impúxose aos blaugrás no segundo asalto dos cuartos de final por un axustado 86-80.