O Leyma machuca o Zaragoza da man de Taylor e Thompkins (110-86)
O Leyma machuca o Zaragoza da man de Taylor e Thompkins (110-86)
Os dous xogadores asociáronse no terceiro cuarto con 18 puntos para propiciar a fuxida do cadro coruñés
O Leyma Coruña pasoulle por riba ao Zaragoza (110-86) e conseguiu a segunda vitoria da temporada na ACB. Foi un recital ofensivo dos de Diego Epifanio con dous xogadores que brillaron, Taylor e Thompkins.
O primeiro cuarto estivo parello. O equipo visitante chegou a ter cinco puntos de vantaxe pero acabou con empate a 24. No segundo o equipo coruñés comezou a ver a canastra con moita facilidade. O Zaragoza aguantou aínda que a diferenza chegou a ser de nove puntos (51-42) grazas ás grandes porcentaxes de acerto no tiro.
A sentenza do partido chegou no terceiro cuarto. Taylor e Thomkins estiveron estelares (18 puntos entre os dous) e o Leyma fuxiu no marcador ata chegar ao 82-60 co que rematou o período. O público quería máis e lanzou aos seus xogadores para que seguiran nese ritmo de acerto. Na ACB hai que atender a todos os detalles e a diferenza de puntos particular entre os equipos pode ser determinante. Ao final, 24 de vantaxe a prol dos de Epi para ledicia do Coliseo.