O Leyma Coruña xogará a final polo ascenso tras eliminar ao Palencia (92-81)
A primeira semifinal foi igualada, e resolveuse a prol dos anfitrións no último cuarto
Pacheco, con 25 puntos, encabezou a anotación
Foto: @BaloncestoESP
O Leyma Coruña cumpriu co seu papel de gran favorito na primeira semifinal da Final Four que se disputa no Coliseum. Venceu ao Palencia nun igualado partido, e sacou o billete para a gran final polo ascenso á Liga ACB que se disputa este domingo.
O partido comezou cos dous equipos errando desde o perímetro, nun primeiro cuarto en que so entrou unha tripla, a cargo de Jou, dun total de 13 intentos combinados. As primeiras vantaxes foron para os coruñeses, pero o Palencia non marchou do partido e, con 6 puntos de Kamba e apoiado no rebote ofensivo, púxose por diante (9-11). Chegou entón esa tripla e, con tiros libres, o Leyma Coruña marchaba por diante ao intervalo. 20-16.
No segundo cuarto seguiu o desacerto de todos nas triplas, cun único anotado por Wintering nos primeiros minutos. Así as cousas, os puntos caían de xeito moi lento, e un roubo de Oroz dáballe a Palencia a máxima renda (26-29) e forzaba o tempo morto de Carles Marco.
Unha tripla de Jorgensen restablecía a igualdade no marcador dentro xa dos últimos dous minutos, e outra de Pacheco dáballes vantaxe, pero respondía axiña Jakovics. E a primeira metade rematou coa mesma igualdade, 38-40.
Un parcial de 1-6 de saída para o Palencia obrigou a Leyma Coruña a remar. Pero os galegos axiña equilibraron outra vez o marcador, e unha falta con senllas técnicas de Kamba e de Lezkano permitíalles colocarse por diante. Unha tripla de Jorgensen colocaba o 60-55, logo dunha desvantaxe inicial de 7 puntos. O +5 mantívose ata o remate do cuarto.
O último período comezaba cunha triplaza de Pacheco que colocaba aos coruñeses oito puntos arriba. Outra de Jacobo Díaz dáballe nove, e a terceira de Pacheco parou o partido cun 75-65.
O tempo morto non tivo o efecto agardado polos palentinos, e o Leyma asegurou o triunfo nos útlimos minutos, cunha vantaxe arredor dos dez puntos. Foron chave as achegas de Pacheco, máximo anotador con 25 puntos, escoltado por Jorgensen con 15 e Díaz con 12. O Leyma xa está na gran final polo ascenso, que disputará diante do seu público.