O Leyma Coruña dá outro paso de xigante para o ascenso á ACB
Derrotou a Tizona Burgos, equipo que chegaba a Riazor como segundo clasificado
Tivo que repoñerse a unha desvantaxe de 16 puntos no primeiro tempo
O Leyma Coruña segue dando pasos firmes para o ascenso á Liga ACB. Tiña outro enfrontamento vital ante o Tizona Burgos, que chegaba a Riazor como o segundo clasificado e cunha serie de cinco vitorias consecutivas. Por iso, o triunfo coruñés ten un valor dobre (97-91).
As cousas non puideron principiar peor. Logo dun inicio igualado, o Tizona do galego Ocampo púxose 13-21 grazas ao seu acerto na tripla (cinco no primeiro cuarto). Remataba ese período cun 14-26 e tiña un +16 ao pouco de comezar o segundo parcial (19-35). O Leyma non desesperou nese momento crítico e foi recuperando punto a punto ata que unha tripla de Aris no último segundo antes do descanso puxo un esperanzador 39-43.
No segundo tempo viuse o Leyma Coruña a que estamos acostumados, con moita máis fluidez ofensiva. Púxose por diante (54-52) e afrontou o último cuarto con todo aberto (68-68). Ningún dos dous equipos daba roto o partido, pero os locais estaban por diante. O Tizona chegou con posibilidades (84-83) aos últimos minutos, pero os tiradores do Leyma estaban co pulso quente e decidiron a vitoria.