Publicador de contidos

Publicador de contidos

O IX Simposio de Biopsia Líquida reúne en Santiago 70 expertos en oncoloxía de precisión

O IX Simposio de Biopsia Líquida reúne en Santiago 70 expertos en oncoloxía de precisión

A técnica está a revolucionar o concepto do cancro e o seu tratamento

G24.gal 25/01/2024 14:52

O conxunto de técnicas complexas que abrangue a biopsia líquida está a revolucionar o propio concepto que temos do cancro.

"Antes era o cancro de pulmón, de mama, de colon... o concepto estaba centrado no órgano. Agora mesmo o órgano deixa de ser tan importante e aparecen as alteracións moleculares. E resulta que esas alteracións xenéticas, eses apelidos compárteos o pulmón, o colon, a mama. E iso é o que hai que atacar, os condutores do cancro", explica Rafael López, xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do CHUS.

Moitos deses subtipos xa son coñecidos e exprésanse nos líquidos corporais, non só no sangue.

"Nun tumor de vexiga, a liberación en ouriños vai ser importante, e o mesmo no caso do leite materno para o cancro de mama", di Laura Muinelo, responsable da Unidade de Biopsia Líquida de Oncomed. 

En Santiago está un dos máis importantes grupos investigadores do Estado, e a biopsia líquida aplícase xa no 30 % dos casos de metástase. O que desexarían os membros dos nosos comités moleculares é estender o uso desta técnica a fases previas, e tamén máis ensaios clínicos para avanzar na potencialidade que ofrecen para a detección precoz.

En cuestión de poucos anos ata veremos tests que poderán diferenciar ata 20 tipos e cancro. Tamén se poderá especificar que pacientes deben ser tratados con quimioterapia despois dunha operación. 

O catálogo de cancros que xa teñen tratamento diana vai medrando, pero ás veces os novos fármacos tardan case dous anos en chegar. Nisto tamén os oncoxenetistas demandan aproximarnos aos países máis avanzados de Europa. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade