O incendio forestal de Sentmenat (Barcelona) continúa activo despois de arrasar 200 hectáreas
As autoridades levantaron o confinamento en cinco das sete áreas afectadas
O incendio forestal de Sentmenat, na comarca catalá do Vallés Occidental, mantense activo por segundo día consecutivo, despois de queimar máis de 200 hectáreas.
Os bombeiros intentan pechar o perímetro do incendio, pero a inclinación do terreo e a abundante vexetación impídenllelo.
"Non descartamos que teñamos novos focos de incendio, como sucedeu onte e agora mesmo, e que poidan ter intensidade".
Tampouco axudan as condicións meteorolóxicas, porque as altas temperaturas e a humidade favorecen a propagación do lume. A pesar diso, as autoridades levantaron o confinamento en cinco das sete áreas afectadas.
"Agora por fin comunicáronnos que xa podiamos regresar ao cámping. A xente do Farell que aínda segue confinada está á espera de poder subir alí, ás súas casas".
Os Bombeiros da Generalitat deron por controlados os incendios do Macizo de les Gavarres, en Xirona, que queimou máis de 2.000 hectáreas, e o da comarca barcelonesa da Anoia.
Tamén quedaron estabilizados os dous incendios forestais declarados na provincia de Cádiz. O que afectou ao parque natural de Grazalema arrasou máis de 200 hectáreas e obrigou a desaloxar 188 veciños.
Na provincia de León permanecen activos catro incendios forestais. O de Porqueros, preto do porto do Manzanal, mantivo pechada temporalmente a liña ferroviaria que comunica a capital leonesa con Ponferrada.