A raíña Sofía visita O Courel e Rubiá para coñecer a recuperación das zonas queimadas
A monarca percorrerá dous proxectos impulsados pola Fundación Raíña Sofía e a Xunta para restaurar esapzos naturais afectados polos incendios
A Raíña Sofía, nunha imaxe de arquivo co presidente da Xunta Alfonso Rueda. Raúl Lomba - Europa Press - Arquivo
A raíña Sofía visita este mércores Folgoso do Courel (Lugo) e Rubiá (Ourense) para coñecer os traballos de recuperación realizados tras os incendios forestais, no marco do convenio de colaboración entre a Fundación Raíña Sofía e a Xunta de Galicia.
Acompañada pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático Ángeles Vázquez, percorrerá dúas actuacións financiadas pola fundación, que achegou 65.000 euros para restaurar espazos naturais protexidos afectados polos lumes de 2025 e anos anteriores.
En Rubiá, a actuación centrouse na rehabilitación dunha alvariza tradicional no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra. En Folgoso do Courel, o proxecto consistiu na creación dunha masa mixta de frondosas de 1,37 hectáreas na aldea do Vilar, onde o castiñeiro centenario resultara danado polo incendio.