Detido un veciño de Ordes acusado de varios incendios despois de ser sorprendido cando iniciaba un foco
Detido un veciño de Ordes acusado de varios incendios despois de ser sorprendido cando iniciaba un foco
O xuíz decretou o seu ingreso en prisión
Garda Civil
Un veciño de Ordes foi detido pola presunta comisión dun delito continuado de incendio forestal intencionado. O xulgado de Ordes decretou o seu ingreso en prisión provisional.
A investigación criminal, sinala este mércores un comunicado da Garda Civil, iniciouse a principios deste mes tras rexistrarse unha sucesión de incendios forestais nas inmediacións do núcleo rural de Cestaños.
A marcada proximidade temporal e xeográfica dos distintos focos, sumada ás primeiras avaliacións da inspección ocular realizadas sobre o terreo, fixo sospeitar os investigadores que os feitos respondían a unha mesma acción deliberada e intencionada.
Así, ante a persistencia dos lumes e o grave risco para os residentes e as edificacións da zona, a Garda Civil estableceu un dispositivo de vixilancia adaptado ás condicións do terreo para identificar o responsable.
Durante a despregadura do operativo na mañá do pasado 4 de xullo, detectaron movementos anómalos nunha masa forestal próxima ao escenario dos lumes de días anteriores.
Escasos momentos despois declarouse un primeiro foco, que puido ser atallado con rapidez grazas á observación directa dos compoñentes do dispositivo e á pronta intervención de medios de extinción e axentes medioambientais que permanecían na zona.
A continuación, o sospeitoso desprazouse cara a outra masa forestal lindeira onde, poucos minutos máis tarde, se orixinou un segundo foco de lume. Esta secuencia dos feitos permitiulles ás patrullas policiais intervir de xeito inmediato e proceder á detención do presunto autor no propio escenario.
Seguidamente, efectivos da Garda Civil practicaron un rexistro no domicilio do sospeitoso, onde localizaron e interviñeron diversos efectos directamente vinculados coa actividade ilícita investigada.
Entre o material do que se incautaron había un recipiente con combustible, un caldeiro empregado para o transporte de material vexetal seco e un acendedor. Así mesmo, comprobouse a existencia dun regueiro dunha substancia que comunicaba o almacén de combustible coas inmediacións do punto de inicio do segundo incendio, vestixio plenamente coincidente cos datos solicitados na inspección ocular.
A confluencia de indicios e as avaliacións efectuadas polos axentes medioambientais, indica a nota, permitiron determinar unha actividade incendiaria continuada e descartar que os focos respondesen a reproducións fortuítas de sinistros anteriores.
Os feitos agraváronse ao producírense nunha zona de interface urbano-forestal; o foco máis próximo atopábase a tan só 37 metros dunha vivenda e o resto de edificacións dentro dun radio aproximado de 200 metros e coincidiu ademais cun episodio de elevadas temperaturas e un Índice de Risco Diario de Incendio Forestal (IRDI) clasificado como alto.
A actuación, desenvolvida no marco da operación Antorchados, foi levada a cabo de xeito conxunto polo equipo ROCA da Compañía de Santiago de Compostela e o equipo Seprona do Milladoiro e contou co apoio do Posto de Ordes e a coordinación da Uprona da Comandancia da Coruña, ademais da colaboración técnica dos Axentes Medioambientais do Distrito Forestal III (Santiago-Meseta Interior).