Publicador de contidos

Publicador de contidos

O incendio de Caldas ten "o 90% do perímetro sen lapas", di o director xeral de Defensa do Monte

O incendio de Caldas ten "o 90% do perímetro sen lapas", di o director xeral de Defensa do Monte

O vento está dificultando os labores de extinción

"Que os incendios foron intencionados por alguén que se movía rápido pola zona é evidente", di Manuel Rodríguez sobre a orixe do incendio de Verín

 

G24.gal 05/08/2022 10:09

Manuel Rodríguez, director xeral de Defensa do Monte da Xunta de Galicia, explica no 'Bos días' como está a situación dos incendios en Galicia.

"O incendio de Caldas de Reis ten o 90 % do perímetro sen lapas"

Sobre o incendio que se declaraba a pasada tarde na localidade pontevedresa de Caldas de Reis e se estendía ao concello veciño de Vilagarcía de Arousa, explicou que, como acababan de dicir os xornalistas de Televisión de Galicia, chegou a aproximarse a algunhas casas, "xusto detrás dalgunhas vivendas" e que por iso se realizaron evacuacións, que foi por prevención e seguridade dos veciños.

"Por precaución houbo desaloxos, pero por criterios de seguridade, por sorte despois non houbo que lamentar que o lume chegase ás vivendas".

Neste incendio o lume "espallouse moi rápido nas primeiras horas, amais os hidroavións lixeiros case non podían traballar", explica o director xeral de Defensa do Monte.

 O incendio, que se  iniciou a últimas horas da tarde de onte ten "un 90 % do perímetro do incendio xa sen lapas, queda o flanco dereito, na cola, onde se está traballando para ter asegurado o control, pero o vento non está a axudar, que está tirando do nordés. Tanto aquí como en Boiro", lamenta Manuel Rodríguez.

"Que os incendios foron intencionados por alguén que se movía rápido pola zona é evidente", di Manuel Rodríguez sobre a orixe do incendio de Verín

Sobre incendios de Ourense, algún claramente intencionado, segundo a Xunta, o director xeral de Defensa do Monte non quixo avanzar ningún dato sobre as investigacións, "non debería transmitir datos de investigacións que están en curso", salientou

"As forzas e corpos de seguridade do Estado, a Unidade de Policía Adscrita, Policía Xudicial, Garda Civil e a unidade de investigación de incendios forestais están traballando para intentar clarificar o inicio dos incendios e atopar o culpable ou culpables do sucedido. "Agora están en investigación é non é prudente falar".

As últimas informacións sobre a orixe do incendio de Verín falan da existencia dun coche que se viu na zona e que puido ir prendendo ao seu paso os diferentes focos. Sobre este asunto, o director xeral de montes reafirma: 

"Que os incendios foron intencionados por alguén que se movía rápido pola zona é evidente, polos distintos focos e a distancia que houbo entre eles. A partir de aí, coñeceranse os detalles cando se vaian pechando as distintas liñas. É un incendio forestal, pero é case urbano, moitos focos foron entre as casas, entre as vivendas, houbo que confinar rúas enteiras. Xa non estamos a falar de vivendas illadas, estamos falando de rúas; isto é unha auténtica animalada".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade