Publicador de contidos

Publicador de contidos

Evolución faborable do incendio de Caldas e Vilagarcía, onde xa non hai perigo para as zonas habitadas

Evolución faborable do incendio de Caldas e Vilagarcía, onde xa non hai perigo para as zonas habitadas

O lume, que se estendeu a Vilagarcía, calcinou 450 hectáreas

As estradas da zona están todas habilitadas para a circulación despois de permanecer cortadas a VG-4.7 e a PO-305

G24.gal 05/08/2022 08:06 Última actualización 05/08/2022 17:06

A Consellería de Medio Rural informou a primeira hora da tarde que o incendio de Caldas evoluciona favorablemente, malia os fortes refachos de vento que se rexistraron durante o día de hoxe. Aínda que se mantén activa polo de agora a situación 2, xa non representa perigo para os núcleos habitados. 

O lume que comezou no monte Xiabre, en Caldas, atravesou a fronteira entre concellos e achegouse ameazante ás casas na aldea de Castro de Agudín, en Vilagarcía. Os veciños tiveron que deixar a aldea a mercé das lapas, e finalmente non houbo danos en vivendas. A estas horas, xa son 450 hectáreas arrasadas. 

 

Os veciños volven ás súas casas e as estradas da zona están abertas

Veciños de 25 vivendas desaloxadas esta madrugada no concello de Vilagarcía de Arousa polo incendio de Saiar, en Caldas de Reis, regresaron ás súas casas.

Os veciños desaloxados na parroquia de Cea, no lugar de Castro de Agudín, volveron ás súas vivendas.

Ademais, as estradas da zona están todas habilitadas para a circulación despois de permanecer cortadas a VG-4.7 e a PO-305. Nesta última, a DXT ten marcada unha advertencia por retencións entre o quilómetro 0 e o 4, en ambos sentidos.

O lume inicouse no serán do venres

O lume alcanzaba o concello de Vilagarcía contra as nove da noite procedente de Caldas de Reis, onde se iniciaba na parroquia de Saiar sobre as sete da tarde. 

En pouco tempo, e empurrado por un vento moi forte, atravesaba o monte Xiabre e avanzaba cara ás casas. Polo menos, unha vintena delas tiveron que ser desaloxadas por prevención.

A máis afectada foi a parroquia vilagarciá de Cea, onde catro ou cinco focos ameazaron de preto as vivendas. Pero tamén estiveron en perigo as parroquias do Vento e Souto de Arriba.

Ás dez da noite xa se activou o nivel 2 de emerxencia por estar en perigo o núcleo de poboación da Porteliña, en Caldas de Reis.  Está traballando a Unidade Militar de Emerxencias, efectivos de extinción, bombeiros de Pontevedra e Vilagarcía, medios aéreos.

Os veciños de Castro de Agudín en Villagarcía levan en pé máis 18 horas como case todos os das aldeas das parroquias de Saiar. Empuxado polo vento ven como o lume se achega ás súas casas e malia a presenza dos medios de extinción fan todo o que poden para que as lapas non cheguen ás vivendas ou ás cortes onde teñen os animais. Todos axudaban como poden con mangueiras, caldeiros ou o que tivesen á man.

"Trae moita forza polo vento. Grazas á colaboración dos veciños. Os bombeiros viñeron, pero, sinceramente, non dan feito. Fixemos unha cadea humana de 50 persoas e entre mangueiras e caldeiros fómolo vencendo, pero agora aínda segue activo de feito na casa do meu fillo alí atrás está activo nestes momentos"


"Temos medo porque está ao lado da casa mesmo. E sénteste impotente, pero non queremos darnos por vencidos. De feito, desaloxáronos porque onde está a empresa Cuevas pasa a condución do gas, pero volvemos e seguiremos loitando ata o final".

A estrada o Pousadoiro estivo cortada e as lapas chegaron a reducir a cinza un almacén de ferralla e chegaron aos valados de varias empresas que tiveron que ser desaloxadas, pero non sufriron danos. Vilagarcía leva horas invadida polo fume.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade