O incendio de Boiro queima 350 hectáreas e preocupa o vento do nordés
Meteogalicia activou un aviso amarelo por refachos que poden superar os 80 quilómetros por hora ata as seis da mañá do sábado
A orografía da Barbanza non axuda nas tarefas de extinción
O de Boiro é o primeiro grande incendio do ano na Barbanza. O lume foi avanzando pola noite empurrado por un vento do nordés moi intenso. "As carreiras de propagación pola noite eran fortísimas", comenta Guillermo Acebal, xefe do servizo de prevención de incendios da Coruña.
As lapas avanzan de norte a sur. O incendio ameazou a aldea da Figueira. Un dos seus veciños di que empezou nunha zona próxima ao miradoiro, a uns tres quilómetros en liña recta. Alí estiveron cortando madeira e facendo biomasa. Aquilo estaba moi seco, era unha polvoreira. O lume colleu monte para arriba e subiu a unha velocidade de vertixe".
350 hectáreas queimadas
O incendio obrigou a ampliar os medios de extinción, que traballan na súa estabilización. Polo momento, van 350 hectáreas queimadas e as previsións meteorolóxicas non son boas. Meteogalicia activou na Barbanza un aviso amarelo por refachos que poden superar os 80 quilómetros por hora ata as seis da mañá do sábado.
Segundo as últimas estimacións de Medio Rural, xa arderon 350 hectáreas. Na zona traballan dous técnicos, 18 axentes, 32 brigadistas, 23 motobombas, catro pas, dúas Unidades Técnicas de Apoio, seis avións e dez helicópteros e a UME.
NOVA actualización de superficie afectada no #IFCuresBoiro: 350 hectáreas.
— incendios 085 (@incendios085) August 5, 2022
