O incendio de Bejís arrasou 19.000 hectáreas e ten un perímetro de 140 quilómetros
Ameaza a Serra Calderona e o santuario da Cova Santa
O incendio de Bejís xa calcinou 19.000 hectáreas de monte e non dá tregua. Cun perímetro de 140 quilómetros, as frontes son moitas. A prioridade dos equipos de extinción está en salvar unha zona de altísimo valor ecolóxico.
"A serra da Calderona é onde estamos traballando e destinando todos os medios", asegura o responsable dos bombeiros de Castelló.
Na zona traballan 40 avións e helicópteros e máis de 300 persoas en terra. A humidade nocturna conseguira frear o avance do lume, pero non en todas as frontes.
"O sector que afecta o mosteiro de Cova Santa é onde a acción do lume está sendo moi virulenta", explicaba a responsable de Interior da Generalitat, Gabriela Bravo.
Efectivos da UME protexían esta tarde a Cova Santa, encravada nunha contorna natural, ten moito valor sentimental para os veciños.
"É o noso ben máis prezado", explica unha muller.
Os veciños de catro concellos seguen desaloxados e en dúas localidades están confinados. Algúns saltaron a orde de desaloxo para acceder as súas propiedades. As autoridades entenden a presión a que están sometidos pero din que é unha decisión dos expertos que deben respectar pola súa seguridade.
"Os técnicos teñen que ser moi prudentes porque durante a xornada anterior houbo reproducións", aseguraba o presidente da Deputación de Castellón.
O vento cambiante e a suba das temperaturas fan imprevisible a evolución do incendio.