O HULA fai un seguimento dos pacientes inmunodeprimidos con covid
Cada día se compróbanse as súas constantes e síntomas a través do programa Telea, para detectar a tempo un posible empeoramento do seu estado de saúde e evitar o seu ingreso na UCI
Tras revisar o panel das constantes dos pacientes e comprobar as alertas, Iria comeza a rolda de chamadas. Cada día faise un seguimento individualizado do paciente, compróbase se tivo febre, como vai a saturación de osíxeno e outros síntomas.
"Temos dous tipos de pacientes: os que meten eles as constantes na aplicación, e imos chamándoos segundo meten as constantes, e logo os que non teñen aplicación, que os chamamos a mañá e a tarde", comenta Iria Gavieiro.
Agora mesmo teñen no programa 70 pacientes inmunodeprimidos diagnosticados de covid. "O que cambiou foi o perfil do paciente de risco, que pode acabar na UCI, agora focalizámolo nos pacientes inmunodeprimidos", explica o director asistencial do Hula, Rafael Monte.
Este tipo de seguimento permite detectar a tempo un empeoramento do seu estado de saúde e actuar. "Para detectar empeoramentos precoces ou alertas de síntomas que poden obrigar á hospitalización ou a poñerlles un tratamento especial", engade o doutor Monte.
A vacinación mudou o perfil do paciente de risco, a maioría pacientes con tratamentos inmunodepresores. No caso dos non vacinados seguen a ser factores de risco a hipertensión e a obesidade.