Quedan libres os catro detidos polo alixo de cocaína de Cambre, que entrou polo porto de Vigo
A droga comisada pola Policía Nacional e Vixilancia Aduaneira chegara procedente de Ecuador en contedores que transportaban atún conxelado
Os catro arrestados por este caso foron postos en liberdade, ao entenderse que non tiñan importante responsabilidade na rede de tráfico de drogas que se investiga
Continúa aberta a operación antidroga que rematou coa incautación de 7.200 quilos de cocaína en Cambre, o maior alixo requisado en Galicia neste ano 2023, e a detención de catro persoas.
Segundo informan este xoves varios medios de comunicación, a droga comisada saíu de Ecuador e entrou polo porto de Vigo en contedores que transportaban atún conxelado. Dende alí fixeron o percorrido, seguido xa moi de preto polos investigadores, ata a nave do polígono industrial do Espírito Santo, en Cambre, onde finalmente foi incautada.
Tamén foi alí onde se realizaron as catro detencións practicadas ata o momento en relación a este caso. Non obstante, eses catro arrestados foron postos xa en liberdade e, polo tanto, sospéitase que a súa implicación nesta rede de tráfico de drogas non alcanzaría cotas de importante responsabilidade, no caso de que a teñan dalgún tipo, e que os verdadeiros dirixentes da organización serían outros.
O valor deste alixo na rúa superaría os 400 millóns de euros. A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, incidía este mércores na importancia histórica do alixo de cocaína, como un dos máis relevantes de Galicia e de España.
Rivas confirmaba que "a operación segue aberta", e apuntou que aínda se desenvolvían "unha serie de rexistros" en diversos puntos.
Defendeu que "é un dos operativos máis importantes non só a nivel galego senón a nivel estatal" e comparouno co narcosubmarino de Aldán, que foi moi relevante e no que se atoparon 3 toneladas de droga.