O Guipúscoa acaba coa xeira vitoriosa do Leyma Coruña na Leb
O cadro coruñés recuperouse dun mal inicio de partido, pero un parcial de 1-17 no terceiro cuarto acabou por decidir o partido
Rematou a xeira vitoriosa do Leyma Coruña na Leb Ouro. Quedou nas doce vitorias consecutivas, unha serie que rompeu o Guipúscoa ao gañar no Pazo dos Deportes de Riazor (67-84). Aínda así, o cadro coruñés mantense á fronte da categoría a dez xornadas do final do campionato.
O inicio do partido cun parcial de 0-10 obrigou o Leyma a ir a remolque todo o primeiro tempo. Custoulle moito entrar en dinámica anotadora e, malia que reduciu a diferenza aos dous puntos, (26-28) marchou ao descanso seis abaixo (31-37).
O terceiro cuarto parecía o da reacción definitiva cando os galegos conseguiron poñerse por diante (42-40), pero un parcial de 1-17 resultou demoledor para os intereses do Leyma. O Guipúscoa chegou a ter unha máxima vantaxe no cuarto cun 45-62 da man dun imparable Vrankic (13 puntos neste cuarto).
A diferenza marchou ata os 19 puntos no derradeiro período e o partido quedou sentenciado. Tocará recuperar a moral para afrontar o seguinte compromiso, neste esprinte final en que está en xogo o ascenso á Liga ACB.