O Guardés inicia ante Aula Valladolid o asalto ao seu segundo título de Liga
Ana Seabra: “Son dúas finais contra un equipo que ten moita calidade e que, obviamente, tamén fará os seus deberes"

O Mecalia Atlético Guardés, campión da fase regular, inicia este domingo o asalto ao seu segundo título da Liga Guerreiras Iberdrola co partido de ida dos cuartos de final do play-off que o enfrontará ao Caixa Rural Aula Valladolid, oitavo clasificado.
Unha primeira eliminatoria á que o conxunto galego chega con dúbidas despois de perder tres do seu últimos catro partidos ligas, o último pola mínima na pista do Beti-Onak, aínda que coa boa noticia da recuperación da central Cecilia Cacheda, un dos seus referentes en ataque.
“É un partido no que queremos estar o máis concentradas posible durante os 60 minutos. Sabemos que é importante conseguir un bo resultado, e un bo resultado significa gañar”, comentou a adestradora do Guardés, Ana Seabra, antes de viaxar a Valladolid.
Aínda que o pase á semifinal decidirase polo número de goles, para a preparadora portuguesa “non hai marxe de erro”, polo que a ela non lle vale unha derrota pola mínima en terras valisoletanas.
“Son dúas finais contra un equipo que ten moita calidade e que, obviamente, tamén fará os seus deberes. Temos moitas ganas de estar ben, de volver ter boas sensacións con calidade e consistencia”, apuntou Seabra.