O Guardés gaña en Málaga pero perde unha gran ocasión de sentenciar a eliminatoria (24-26)
Chegou a ter seis goles de vantaxe a pouco do final na ida das semifinais da European Cup
A reacción final do Costa del Sol cun parcial de 4-0 deixa unha volta incerta
O Mecalia Guardés fixo un gran partido na ida das semifinais da European Cup no Pavillón de Carranque diante do Costa del Sol Málaga. Gañou por 24-26 e terá unha gran oportunidade na Sangriña de meterse na segunda final europea da súa historia. Pero o resultado puido ser moito mellor posto que a tres minutos do final gañaba por 20-26 e un parcial de 4-0 para as locais abre a volta (vindeiro sábado ás 20:30 horas en Agalega.gal).
Comezou igualado o partido ata que un parcial de 0-3 para o Mecalia puxo a primeira vantaxe para o cadro galego (6-9). Reaccionou o equipo local que igualou o partido ao descanso (11-12). O dominio continuou sendo do Guardés que na segunda metade logrou poñerse con catro de diferenza (14-18) e grazas a tres goles seguidos de Carmen Castro a vantaxe foise ata os cinco (17-22). Estaba o Málaga contra as cordas a pouco do final (20-26) pero o Mecalia perdeu a concentración e acabou recibindo catro goles que deixan a incerteza para a volta (24-26).
María Sancha, con seis goles, Lorena Téllez e Cecilia Cacheda (5) foron as referencias ofensivas do equipo do Baixo Miño.