O Guardés empata en Valencia e garante a vantaxe de campo no play off
Precisaba un punto na pista do Morvedre e conseguiuno cun empate (23-23)
Xogará contra Beti Onak ou Porriño na primeira eliminatoria polo título
O Mecalia Guardés conseguiu o punto que precisaba para garantir a cuarta posición da fase regular da Liga Guerreiras e terá vantaxe de campo na primeira eliminatoria do play off polo título. O Beti Onak é o que máis posibilidades ten de ser o seu rival pero o Conservas Orbe Porriño tamén ten opcións matemáticas de chegar á quinta posición.
Afrontou o partido diante do Morvedre coa obriga de puntuar para non depender do que fixera o Beti Onak na última xornada. Foi un partido parello que se moveu con diferenzas mínimas, case todo o partido a prol do cadro galego. Comezou mellor o Morvedre (5-3) pero ao descanso xa gañaba o Mecalia por 12-14.
No segundo tempo o Guardés manexou vantaxes de tres goles durante moitos minutos (13-16 e 15-18) e entrou nos últimos intres por riba no marcador (20-22). Pero o Morvedre recuperouse e tivo tres opcións de lanzamento no último ataque no que conseguiu empatar no derradeiro segundo.