O Deportivo pecha a xornada coa presión de manterse en ascenso: "É onde queriamos estar"
Recibe este luns en Riazor un Mirandés que está en postos de descenso pero que non perdeu nas últimas cinco xornadas
O Deportivo pechará a xornada da Segunda División coñecendo os resultados de todos os rivais pero sabendo que cun triunfo mantería o posto de ascenso directo.
"Sabemos que hai presión e tensión pero ao comezo do ano é o que queriamos vivir" asegurou Antonio Hidalgo. "Dá igual xogar antes ou despois. Isto depende de nós e temos a obriga de sumar tres puntos diante da nosa xente" comentou o adestrador coruñés na conferencia de prensa previa ao encontro.
Os dous últimos resultados do equipo deportivista foron empates, contra o Málaga e o Huesca. En ambos os dous partidos comezou colocándose en vantaxe, pero non conseguiu mantela.
"Estamos todos os equipos que pelexan polo ascenso nun pano. Temos que ser moi efectivos na casa", comentou Hidalgo.
O rival, o Mirandés, chega á Coruña nunha situación límite. Atópase en postos de descenso pero a súa traxectoria nas últimas cinco xornadas é de pelexar polo ascenso. Sumou dúas vitorias e tres empates e promedia dous tantos por partido. Á fronte da ofensiva está un ex-xogador do cadro coruñés, un Carlos Fernández que leva catorce goles e que se atopa nun extraordinario momento de forma.