O Guardés xogará a final da EHF European Cup contra o Antalya turco
Impúxose no partido de volta diante do Elxe nunha ateigada Sangriña por 22-18
O Mecalia Atlético Guardés xogará por primeira vez na súa dilatada historia unha final dunha competición europea. Meteuse na rolda definitiva da EHF European Cup despois de derrotar nunha ateigada Sangriña o Atticgo Elxe por 22-18.
Xa se impuxera no partido de ida, pero por un único gol de diferenza así que precisaba completar outro bo partido na Guarda. Así o fixo, cunha defensa moi seria e apoiándose en ataque nunha brillante actuación da internacional paraguaia Pauli Fernández.
Ao descanso o resultado era de 11-10, destacando a achega desde a portería de Marisol Carratú, que acabou o partido cun espectacular 50 % de paradas.
No segundo tempo Elxe foi á desesperada pero atopouse coa férrea defensa guardesa. Conforme pasaban os minutos a portería local íase facendo máis pequena e o Guardés conseguía unha vantaxe que provocou que os últimos minutos fosen unha festa.