O Mecalia Guardés terá que remontar seis goles na Sangriña diante do Aula Cultural
Perdeu por 34-28 na ida dos cuartos de final nun partido discreto do equipo que gañou a fase regular da Liga

O Mecalia Guardés precisa dun gran partido na volta dos cuartos de final da Liga Guerreras para remontar o resultado da ida diante do Aula Cultural de Valladolid (34-28). O equipo valisoletano xogou mellor que un Mecalia que dominou a fase regular con man de ferro, pero o play off é outra historia.
O partido estivo parello só nos primeiros minutos, cunha pequena vantaxe para o Guardés (5-6). O Aula colleu unha diferenza de tres goles (10-7) que levou ata os seis nuns últimos minutos do primeiro tempo pletóricos (17-11). Acendéronse todas as alarmas do Mecalia Guardés cando ao pouco de comezar a segunda metade a vantaxe se ía ata os nove goles (22-13). Un parcial de 0-5 volveu a meter ao cadro do Baixo Miño no partido. Mesmo chegou a estar a só tres goles (26-23) pero non foi capaz de culminar a remonta.
O Aula Cultural aguantou e estivo moi atinado nos últimos ataques do encontro para acabar o primeiro asalto con seis goles, unha diferenza nada doada de remontar para o Mecalia Guardés.