Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Grupo Nogar di que contaba con "todos os permisos e protocolos" na nave ardida en Ponte Sampaio

O Grupo Nogar di que contaba con "todos os permisos e protocolos" na nave ardida en Ponte Sampaio

A pesar de ter o permiso de actividade da Xunta, o Concello de Pontevedra asegura que non tiña a licenza municipal

G24.gal 11/11/2022 12:32

A empresa Galigrain, pertencente ao Grupo Nogar, defende que contaba con "todos os permisos e protocolos" de seguridade nas instalacións da antiga fábrica de Pontesa, en Ponte Sampaio, onde o domingo pasado se declarou un incendio no que faleceu un traballador.

Nun comunicado, asegura que abriu unha investigación propia sobre o incendio, que o inicio destes traballos internos, arrincan "tras dous días de loito como mostra do profundo respecto e afecto que unía o equipo humano do Grupo Nogar" coa vítima, Benito González Dopazo, empregado de 59 anos e concelleiro do PSdeG en Marín.  

Galigrain precisa que o obxectivo da súa investigación é "esclarecer os motivos e circunstancias do sinistro causante desta terrible perda". Ademais, destacou que "a empresa colabora desde o primeiro momento coas autoridades" facilitando todos os datos, documentación e axuda requirida na investigación oficial para aclarar o sucedido.  

A compañía aínda non puido analizar o estado das instalacións tras o incendio do domingo e non poderá acceder ao interior para avaliar os danos ata ter garantías de que se fai en condicións de seguridade e contar co permiso das autoridades competentes.  

Galigrain almacenaba nas antigas naves de Pontesa, nas que se atopa alugada desde 2018, aproximadamente 42.000 toneladas de fundamentalmente cebada e produtos de xirasol. A pesar de contar co permiso da Xunta para esta actividade, non tiña a licenza municipal, tal e como asegura o Concello de Pontevedra.  

Con todo, o Grupo Nogar defende no seu comunicado que, para o desenvolvemento da súa actividade, conta con "todos os permisos e protocolos de seguridade e prevención de riscos laborais necesarios, incluídas medidas antiincendios". Así mesmo, reivindica que "a seguridade e saúde laboral é prioritaria e unha das pedras angulares da política da compañía".

Á marxe desta investigación interna, desde a empresa indicaron que nestes momentos continúan enfocados "no apoio aos familiares e seres queridos de Benito González Dopazo", que era desde hai 30 anos "uno dos principais responsables da operativa de Galigrain en Galicia como encargado da supervisión e coordinación do traballo de medio centenar de traballadores".  

Pero, ademais desta faceta profesional, o comunicado engade que Benito era "ante todo, un amigo e membro da familia do Grupo Nogar que será lembrado pola súa bondade, espírito e compromiso". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos