Tres persoas feridas no incendio da antiga fábrica de Pontesa
Rexistrouse unha explosión mentres o servizo de extinción tentaba apagar o lume
As lapas obrigaron a cortar a estrada N-550 á altura de Ponte Sampaio
Tres persoas quedaron feridas nun aparatoso incendio rexistrado na antiga fábrica de cerámica de Pontesa, no termo municipal de Pontevedra, lindando con Arcade, que obrigou a cortar durante varias horas a estrada N-550 ao seu paso por Ponte Sampaio.
O lume comezou antes das catro da tarde nun anexo da vella factoría, dedicado ao almacenamento de cereais. Nun primeiro momento parecía de pouca entidade pero, cando os servizos de extinción tentaban sufocalo, rexistrouse unha grande explosión.
Dentro das instalacións había dous operarios, un saíu polo seu propio pé e outro sufriu varias queimaduras de consideración, polo que tivo que ser trasladado ao hospital da Coruña. Unha terceira persoa quedou ferida e foi asistida no mesmo lugar.
Segundo confirmou o xefe da Policía Local de Pontevedra, Daniel Marcelle, unha queima de grans de soia que se estaba a realizar no interior da nave orixinou o lume. Por razóns aínda sen determinar, descontrolouse e afectou a cuberta, polo que se espallou con gran rapidez.