Publicador de contidos
Publicador de contidos

Loito en Marín polo traballador e concelleiro falecido no incendio de Ponte Sampaio

Loito en Marín polo traballador e concelleiro falecido no incendio de Ponte Sampaio

O traballador do Grupo Nogar e concelleiro do PSOE en Marín Benito González Dopazo faleceu na madrugada deste mércores debido á gravidade das lesións

O Concello de Marín declara dous días de loito

G24.gal 09/11/2022 09:32 Última actualización 09/11/2022 20:58

O traballador do Grupo Nogar e concelleiro do PSOE en Marín que o domingo sufriu queimaduras de gravidade no incendio da nave en Ponte Sampaio, Benito González Dopazo, faleceu na madrugada deste mércores debido á gravidade das lesións, tal e como confirman a Europa  Press fontes do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

O operario, de 59 anos, o máis grave dos tres feridos neste voraz incendio ocorrido nunhas instalacións onde se almacenaban sementes e que non tiñan licenza municipal, segundo o Concello de Pontevedra, fora derivado á Unidade de Queimados do CHUAC con queimaduras de terceiro grao no 85 por cento do corpo.  

O lume obrigou a activar o domingo o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga), e este martes os bombeiros aínda acudían ata o lugar para arrefriar a zona dado que aínda afloraban pequenos focos pola calor acumulada debaixo dos materiais.

Ademais, a contaminación por amianto na antiga fábrica de Pontesa impediu que os bombeiros, a Policía Xudicial e a Científica puidesen traballar no interior.

O Concello de Marín decidiu suspender o Pleno ordinario previsto para este xoves e convocou un Pleno extraordinario na tarde do mércores para decretar dous días de loito oficial.

Gardouse na súa lembranza un solemne minuto de silencio.

Baixáronse as bandeiras a media hasta e suspéndense todos os actos oficiais e institucionais previstos para estes días.

Haberá un libro de condolencias na entrada do Concello dispoñible desde hoxe pola tarde e durante estas dúas xornadas para todos aqueles que lle queiran dar un último adeus a Benito.

Dirixentes dos tres partidos políticos con representación no Parlamento aproveitaron o pleno desta mañá para trasladar as condolencias polo falecemento de Benito González.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, fala dunha tristísima nova. Di que se foi un gran compañeiro e unha gran persoa. 

Tamén o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lamentou este falecemento. Di que tivo ocasión de coñecer a Benito González e que custa asumir a súa perda. E traslada o seu apoio aos familiares e achegados do falecido, así como aos seus compañeiros do PSdeG.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar