O Granada remonta en Riazor e adía a permanencia do Deportivo Abanca
Millene adiantou as coruñesas, pero remontaron as andaluzas na segunda metade
Cando o talento se une, pasan cousas. É o que sucede no Deportivo Abanca cando se asocian Ainhoa Marín e Millene Cabral. Pero ás veces non é suficiente. Non o foi diante de todo un Granada que ten opcións de ser equipo Champions o ano que vén.
Logo da primeira acción Ainhoa-Millene, aos 20 minutos chegou a segunda, a importante. Como un coitelo rachou a defensa Marín. Chegou ata liña de fondo e asistiu para que Cabral definiu de xeito inapelable. Merecido o gol diante dun Granada que tivo a súa mellor opción no primeiro tempo cun poste de Lauri.
E case contra o descanso, outra túa miña entre as dúas de sempre acabou nun un contra un de Ainhoa Marín diante de Sandra Estévez no que a gañou a partida a porteira. Esa acción tivo unha importancia capital no desenlace do partido, xa que o segundo tempo foi de dominio granadino.
Foi acumulando oportunidades ata que obtivo a remontada en cuestión de tres minutos, entre o 72 e o 75. Primeiro foi Ornella Vignola a que recolleu un despexe curto para situar o balón na escuadra da portería galega.
E se foi bo o empate, aínda o mellora o da vitoria visitantes. Edna, nun visto e non visto, deulle a volta ao partido cun excelente disparo ante o que nada puido facer Yohana, que substituía a sancionada Inés Pereira.
O dobre pau desfixo o Deportivo Abanca, que perdeu a oportunidade de asegurar un triunfo que arrecendía a permanencia. A loita ten que continuar.