O Deportivo Abanca cae co Atlético en Riazor (1-2)
As galegas sitúanse na parte baixa con 5 puntos en seis xornadas
Homenaxe en Riazor nos prolegómenos para as campioas do mundo sub 20. Dúas por equipo. Natalia e Celia Segura do Atlético de Madrid e as deportivistas Marisa e Ainoa. Todo, antes dun partido resolto a prol das visitantes. O Deportivo Abanca sufríu así a súa terceira derrota en catro encontros como local.
O mellor do primeiro tempo chegou na súa recta final. No minuto 40 as madrileñas adiantábanse cun gol de Gio Garbelini. A brasileira culminaba unha boa xogada combinativa dun Atlético que sufríu o acoso deportivista nos seguintes minutos. Millene estivo a piques de empatar cun cabezazo que obrigou a unha boa intervención de Lola Gallardo.
O dominio brancoazul continuou tralo paso polos vestíarios. Un dominio que finalmente obtivo o premio do gol no minuto 70. Espe Pizarro rematou de xeito impecable para situar as táboas no marcador. Pero unha contra visitante acabou coas ilusións do equipo coruñés. Fiamma Benítez anotaba o un a dous definitivo a prol dun Atlético que suma nove puntos e que ocupa a sexta praza da táboa.
O Deportivo vai quedar preto da zona de perigo con cinco puntos logo de seis xornadas e coa sensación de que de momento non lle chega co que está a amosar no terreo de xogo.