Os transportistas manteñen o paro malia as axudas ao gasóleo acordadas co Goberno
Os transportistas manteñen o paro malia as axudas ao gasóleo acordadas co Goberno
O Goberno ofrece 500 millóns para abaratar o gasóleo aos transportistas
Patronais de transportistas din que conseguiron "parte" das súas demandas
Varias grandes patronais súmanse ao paro dos pequenos transportistas
O Goberno ofrece aos transportistas unha redución "efectiva" no prezo do carburante equivalente a 500 millóns de euros, con que dá por concluída a xuntanza mantida este luns co sector.
A principal medida acordada será a aplicación de maiores bonificacións por medio do denominado "gasóleo profesional", que é a bonificación fiscal que o sector do transporte pode aplicar ao imposto dos hidrocarburos.
Así o anunciou a ministra de Transportes, Raquel Sánchez, tras manter unha reunión co departamento de Mercadorías do Comité Nacional de Transporte por Carretera (CNTC), que representa o 80 % das empresas do sector.
Aínda que o Goberno e as organizacións empresariais acordaron volver reunirse o próximo venres para especificar a nova contía, a ministra estima que serán arredor de 500 millóns de euros.
Tamén se acordou a devolución do gasóleo profesional mensual como pedía o sector, e non cada trimestre como se facía ata agora.
A ministra tamén explicou que na web do Ministerio comezará a colgarse o índice de variación do gasóleo profesional, para dar maior certeza ao sector.
A ministra desbota tocar o IVE dos carburantes porque España, di, xa ten unha das fiscalidades máis baixas de Europa. Raquel Sánchez subliñou que o acordo implica os representantes do 90 % do sector do transporte, aínda que entre eles non están os convocantes dos actuais paros.

Patronais de transportistas din que conseguiron "parte" das súas demandas
O Comité Nacional de Transporte por Estrada asegura ter conseguida "parte" das súas reivindicacións e pon en valor a actitude do Goberno por entender as circunstancias do momento.
Estas negociacións teñen lugar á marxe do paro indefinido de transportistas convocado por unha asociación minoritaria do sector que non ten representación no CNTC pero que está ocasionando unha alta incidencia na subministración de mercadorías.
A redución do prezo do gasóleo aplicarase a partir da entrada en vigor do real decreto-lei, que se aprobará o vindeiro 29 de marzo, en liña co anunciado noutros países europeos e concretamente seguindo un modelo similar ao de Francia, segundo explicou a ministra.
A pesar do acordo, o operativo policial continuará mentres non se normalice a situación nas estradas.

A plataforma mantén o paro ata que sente co Goberno
A Plataforma para a Defensa do Transporte de Mercadorías por Estrada mantén o paro que desde hai oito días ten lugar na cadea de subministración española, pese á rebaixa no prezo do combustible prometida polo Goberno.
"Mentres o Ministerio de Transportes non sente, non negocie, non acorde e asine coa Plataforma, esto non vai cesar", dixo o presidente da organización Manuel Hernández.
Insisten en acusar o Goberno a través das redes sociais de sentar a negociar "coas persoas equivocadas", xa que as negociacións foron co CNTC, o interlocutor do sector co Goberno e integrado polas grandes patronais, en que a Plataforma di non sentirse representada.
"Estamos fortes, firmes e concienciados. Non temos ningunha présa, porque parados gastamos moito menos que traballando", advertiu esta plataforma.