Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno municipal de Vigo aproba a taxa turística: de 0,80 a 2 euros á noite

O Goberno municipal de Vigo aproba a taxa turística: de 0,80 a 2 euros á noite

O canon máis caro, 2 euros, pagarase en hoteis de 5 e 4 estrelas; o máis barato, 0,80, en apartamentos turísticos e vivendas rurais 

Quedan exentas do pagamento as estancias por motivos de saúde, tamén os menores de idade e persoas con discapacidade

A partir do 20 de abril ábrese un prazo de 10 días hábiles para presentar alegacións á ordenanza

Terrazas de establecementos hostaleiros de Vigo. Marta Vázquez Rodríguez. Europa Press (Arquivo) Terrazas de establecementos hostaleiros de Vigo. Marta Vázquez Rodríguez. Europa Press (Arquivo)
G24.gal 17/04/2026 19:30

A Xunta de Goberno Local de Vigo aprobou este venres o proxecto de ordenanza fiscal reguladora do recargo municipal sobre o Imposto Galego de Estancias Turísticas, a taxa turística, que oscilará entre os 0,80 a 2 euros á noite, en función do tipo de aloxamento, segundo explicou o alcalde, Abel Caballero, nunha comparecencia ante os medios.

O documento establece que, para os hoteis de 5 estrelas (normais e superior) e os de 4 estrelas superior, a taxa será de 1,82 euros máis IVE (2 euros); para hoteis de 4 e 3 estrelas, será de 1,46 euros máis IVE (1,60 euros); para o resto de hoteis e pensións a taxa será 1,09 máis IVE (1,20 euros); para vivendas de uso turístico 1,46 máis IVE (1,60 euros); para albergues, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamento e vivendas turísticas será 0,73 máis IVE (0,80 euros).

​​​​​1,20 para os cruceiristas 

Tamén haberá unha taxa turística de 1,20 euros para estancias en embarcacións de cruceiros turísticos. O Porto de Vigo mostrara o seu rexeitamento á taxa para cruceiristas durante o período de consulta pública, aducindo que tería efectos negativos sobre o turismo.

Os informes, incluídos no expediente, sinalan que non haberá tal efecto negativo e que outras cidades con portos que reciben cruceiros aplícanlles a taxa turística, como Lisboa, A Coruña, Barcelona ou Palma de Mallorca.

Non se aplicará en determinados casos 

Ata o 1 de xullo de 2027 a taxa aplicarase soamente ás dúas primeiras noites de estancia e, a partir do 1 de xullo de 2027, un máximo de cinco noites para cada estadía.

Igualmente, o canon non se aplicará para os cruceiristas ata o 1 de xullo de 2027.

Por outra banda, non estarán suxeitas á taxa as estancias por motivos de saúde (para a persoa e os seus acompañantes), as estancias de deportistas federados pola concorrencia a competicións, as estancias realizadas por causa de forza maior (derivadas de aloxamentos xestionados a través dos servizos sociais municipais).

Tamén quedan exentos os menores de idade, persoas con discapacidade igual ou superior ao 65%, estancias subvencionadas por programas sociais dunha administración pública, estancias nos albergues públicos xestionados pola Xunta a través do Plan Xacobeo e estancias en albergues xuvenís.

Abel Caballero informou que se abrirá un prazo de 10 días hábiles, a partir do luns 20 de abril, para presentar emendas á ordenanza. O trámite seguirá coas comisións informativas e, finalmente, a aprobación por parte do pleno.

O rexedor vigués sinalou que a taxa será aplicada de forma progresiva a partir do mes de outubro nas estancias de turistas e visitantes nos aloxamentos da cidade e a recadación investirase na mellora dos servizos turísticos.

Así, advertiu de que "non grava aos cidadáns de Vigo", senón ás persoas que veñen de fóra.

A Lei Autonómica establece que o Concello constituirá unha Comisión municipal de asesoramento e seguimento da implantación da recarga turística formada por representantes municipais, empresas do sector e asociacións veciñais. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade