Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno mantén as axudas a transporte e alimentos, pero subirá gradualmente o IVE da luz e do gas

O Goberno mantén as axudas a transporte e alimentos, pero subirá gradualmente o IVE da luz e do gas

Aprobado o decreto de medidas anticrise no último Consello de Ministros do ano

Os impostos á banca e empresas enerxéticas serán permanentes

O PP critica que o Goberno suba o IVE da luz e o gas

G24.gal 27/12/2023 15:14 Última actualización 27/12/2023 19:33

PSOE e Sumar apuraron as negociacións ata minutos antes da conferencia de prensa. Finalmente, o presidente anunciaba o acordo para prorrogar un paquete de medidas que definiu como "valentes cando e onde sexa preciso".

En canto á cesta da compra, esténdense seis meses máis, ata xuño, as rebaixas do IVE: suprimido en alimentos básicos como o pan, leite, froitas e verduras; e reducido ao 5 % no aceite e na pasta. Non se inclúen nin carne, nin peixe, nin conservas.

Tamén se manteñen sen cambios as axudas ao transporte público durante todo 2024: bonos gratuítos para trens de proximidade e media distancia e subvención das liñas de competencia autonómica.

Si haberá cambios nas facturas domésticas. O Goberno irá retirando gradualmente as rebaixas do IVE aplica na actualidade para devolvelo ao seu valor normal.

O Goberno confía na fortaleza da economía española. Pedro Sánchez apuntou que "España vai medrar o dobre, preto do 2,5 %, catro veces máis ca a media da eurozona".

Un dos puntos que máis tensión creou entre os socios do Goberno foi o imposto á banca e ás empresas enerxéticas. Finalmente, gañou o pulso Sumar e estes tributos serán permanentes, aínda que as eléctricas poderán beneficiarse de novas deducións por investimentos verdes.

A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, considera "unha boa noticia" que se manteña o imposto á banca pero non comparte "que se fagan regalos fiscais ás grandes compañías enerxéticas por cumprir os mínimos europeos en materia de investimento nun ano en que teñen beneficios récord".

Sánchez tamén anunciou dúas novas medidas: os bancos non poderán cobrar comisións a maiores e persoas con discapacidade cando retiren efectivo nas oficinas. Tamén se transferirá o ingreso mínimo vital a todas as comunidades que o pidan.

Este novo decreto serve de carta de presentación da nova coalición de goberno, que ten por diante unha lexislatura complicada. O presidente do executivo asegurou en conferencia de prensa que a súa folla de ruta é: "Dialogar con todo o mundo, negociar ata a extenuación e acordar con todas aquelas formacións políticas que queiran acordar".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade