Feijóo completa a executiva do PP con Alberto Nadal como vicesecretario de Economía
Nadal foi secretario de Estado de Presupostos e Gastos no Goberno de Mariano Rajoy
Albiol presidirá o XXI Congreso do PP, que arrinca este venres en Madrid
Os populares queren amosar no seu congreso extraordinario unidade arredor do seu presidente fronte á situación do PSOE
Todo a punto no pavillón 10 do IFEMA de Madrid para o incio do Congreso Extraordinario dos populares. A formación política chega a esta cita nun clima de consenso e coas enquisas de cara marcando a maior vantaxe sobre o PSOE desde as pasadas eleccións xerais.
"Entendemos que con tanta corrupción e tanta lama no Partido Socialista, non hai emenda do PP que a tape", di Alfonso Serrano, presidente da comisión Organizadora do XXI Congreso do PP.
A situación interna do PSOE, coa man de dereita de Pedro Sánchez no cárcere por suposta corrupción, marca o paso dos populares. Din que é urxente abrir unha nova etapa.
"O sanchismo está tocando a seu fin e en calquera momento podería producirse unha convocatoria electoral. Temos que estar preparados", afirma Cuca Gamarra, secretaria xeral do PP.
Os populares apertan filas arredor de Alberto Núñez Feijóo que sairá reelixido presidente. O galego Miguel Tellado será o novo home forte do partido, e Esther Múñoz, a súa voz no Congreso.
Alberto Nadal, quen fora secretario de Estado de Orzamentos e Gastos no Goberno de Mariano Rajoy, incorpórase ao Comité de Dirección de Alberto Núñez Feijóo como novo vicesecretario de Economía e Desenvolvemento Sostible do Partido Popular.
Feijóo confirmou ademais que Borja Sémper segue como portavoz do partido e como vicesecretario de Cultura e Deporte; Alicia García mantén a portavocía do Senado; e o andaluz Elías Bendodo mantense como vicesecretario de Política Autonómica e Municipal. Tamén continuará na dirección como vicesecretaria de Mobilización e Reto Dixital, Noelia Núñez.
A prioridade, din, é armar un proxecto de goberno para o que será necesario dialogar con outras forzas. "Hai que formular a política sen cordóns sanitarios", asegura Cuca Gamarra, secretaria xeral do PP
4.000 compromisarios de toda España participan na cita dos populares. Entre eles a delegación galega formada por máis de 300 persoas e encabezada polo presidente, Alfonso Rueda: "Que o presidente e o secretario xeral vaian ser galegos, que coñezan Galicia creo que é importante", di Rueda.
Unha posición de forza que para Alfonso Rueda contrasta coa situación do Partido Socialista. "Di a vicepresidenta, borrar todo rastro. Pero os galegos non son parvos".
O Congreso dos populares arrincará esta tarde e terá coma convidados os expresidentes, José María Aznar e Mariano Rajoy.