Israel aproba a entrada temporal de axuda humanitaria ao norte de Gaza
Por mor do bloqueo xudeu, os habitantes da Franxa están ao bordo dunha gran fame
O Goberno de Netanyahu ve "inaceptables" os cambios na tregua pedidos por Hamás

O gabinete de seguridade do Goberno xudeu aprobou este sábado pola noite a entrada temporal de axuda humanitaria no norte da franxa de Gaza, unha zona densamente poboada e a onde practicamente non chega ningunha, segundo confirma unha fonte gobernamental.
De acordo coa Canle 14 hebrea, autorizaríase o paso de camións da man de distintos organismos internacionais durante un período transitorio, mentres se establecen "novas zonas humanitarias" para "facilitar a separación entre a poboación local e Hamás".
Israel acusa a organización islamita de facerse coa axuda que entra no enclave palestino. De feito, tras romper o cesamento do fogo en marzo, suspendeu a entrada de bens de primeira necesidade ata finais de maio.
Entón, volveu permitir a súa distribución en moita menos cantidade e de acordo cun novo esquema que distribúe unha polémica fundación estadounidense (HGF), con catro puntos de repartición fortemente militarizados: tres no sur e un no centro.
O problema é que no norte non existe ningún punto, malia ser a zona onde vive a metade da poboación do enclave, aproximadamente un millón de persoas.

Ataques hebreos nos puntos de repartición
Case diariamente, o ministerio de Saúde de Gaza, dependente de Hamás, informa de persoas mortas e feridas ao tentaren acceder a eses puntos e o Exército israelí, que os custodia, recoñeceu abrir fogo preto desas zonas e estar a investigar os feitos.
Israel pretende substituír coa HGF o antigo esquema de repartición de axuda, que estaba nas mans da ONU e outras organizacións, que tiñan centos de puntos de distribución en toda a xeografía de Gaza.
Paralelamente, Israel aínda llespermite a estas organizacións entrar con algúns camións de axuda, pero moi pouca chega ao norte do enclave, segundo explican, pola dificultade para conseguir de Israel rutas seguras e tamén polos saqueos gazatís.
Por mor do bloqueo da axuda, os habitantes da Franxa están ao bordo dunha gran fame. Segundo Amnistía Internacional, polo menos 66 menores morreron como consecuencia directa da desnutrición desde outubro de 2023, unha cifra que non inclúe as vítimas de doenzas agravadas pola fame.
Segundo datos da Oficina das Nacións Unidas para a Coordinación de Asuntos Humanitarios (OCHA), ata o 15 de xuño de 2025 máis de 18.700 nenos e nenas foran hospitalizados por desnutrición aguda desde principios de ano en Gaza.