O Goberno holandés confina a poboación e París cancela as festas de fin de ano
Londres eleva o nivel de alarma pola variante ómicron
O avance da variante ómicron do virus da covid levou o Goberno holandés a decretar 25 días de confinamento total, que comezaron este domingo e rematan o próximo catorce de xaneiro. O país pecha toda actividade non esencial, e só permitirá dous visitantes por casa ao día, agás en Noiteboa e fin de ano, nas que poderán recibir ata catro invitados.
Peche dun mes
O primeiro ministro dos Países Baixos dixo que só permanecerán abertos os supermercados, as farmacias, as gasolineiras e os servizos mínimos dalgunhas profesións esenciais. Todo o demais terá que pechar case un mes.
Noutros países europeos aínda non hai decisións semellantes, pero cidades como París cancelaron os fogos artificiais e as festas de fin de ano; e Londres elevou o nivel de alarma pola variante ómicron.
Países máis afectados
O Reino Unido, con noventa mil contaxios este sábado, e Francia, con case cincuenta e dous mil diarios, son os Estados onde a variante ómicron aumenta máis rapidamente. Mentres que Polonia, con 429 mortos diarios nas últimas tres semanas e Alemaña, con 377 diarios, son os países europeos onde hai máis vítimas do virus.
Europa suma 1.781.000 mortes
As cifras de afectados e falecidos non impresionan os manifestantes antivacinas en países como Alemaña, Italia ou Francia. No que vai de pandemia houbo en Europa máis de oitenta millóns de persoas contaxiadas, das que morreron case un millón oitocentas mil.