Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno destina case medio millón de euros á restauración da zona afectada polo lume en Ribas de Sil

O Goberno destina case medio millón de euros á restauración da zona afectada polo lume en Ribas de Sil

O pasado 5 de setembro iniciouse un incendio no termo municipal de Ribas de Sil no que se queimaron en total 1.592 hectáreas

G24.gal 08/11/2021 18:09

O Consello de Ministros tomou razón da declaración de emerxencia para a realización de actuacións de recuperación ambiental da área afectada polo incendio forestal de Ribas de Sil, Quiroga e A Pobra do Brollón, na provincia de Lugo, por importe de 499.903 euros.

A execución destas actuacións de emerxencia, encargada pola Dirección Xeral de Biodiversidade, Bosques e Desertificación do Miteco ao medio propio Tragsa, garantirá a pervivencia do bosque e os usos ambientais, paisaxísticos, sociais e de recreo dos terreos forestais, facilitando a restauración integral por parte da comunidade autónoma dos espazos danados a máis longo prazo.

Para a restauración ambiental das zonas afectadas por este incendio puxéronse en marcha accións como a eliminación da vexetación queimada para facilitar o rebrote e a rexeneración natural ou a instalación de barreiras filtrantes para evitar que as cinzas flúan directamente nos ríos.

Tamén se contemplou a plantación de coníferas e frondosas autóctonas e a limpeza de cunetas para aumentar a escorrentía e evitar os procesos erosivos, e a execución de podas e clareos nas masas forestais lindeiras para proporcionar unha maior resistencia a pragas e unha maior diseminación de sementes cara á superficie queimada.

O pasado 5 de setembro iniciouse un incendio no termo municipal de Ribas de Sil no que se queimaron en total 1.592 hectáreas que afectaron a propiedades privadas particulares (66,5% da superficie) e a nove comunidades de montes veciñais xestionadas pola administración autonómica forestal.

Os danos forestais foron importantes por afectar ao Xeoparque Montañas do Courel, nunha zona onde a vexetación xoga un importante papel de control da erosión e conservación da biodiversidade, ademais de ter un gran valor paisaxístico.

Por iso é polo que este incendio se considera unha catástrofe natural, que require unha actuación especial de restauración hidrolóxico-forestal con carácter de emerxencia.

Estas actuacións obxecto da declaración de emerxencia están recollidas no Programa Nacional de Desenvolvemento Rural e son susceptibles de ser cofinanciadas ao 53 polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader)

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade