Publicador de contidos

Publicador de contidos

Lara Méndez insiste en que a dirección do PSdeG non falou con "ningunha vítima"

Lara Méndez insiste en que a dirección do PSdeG non falou con "ningunha vítima"

A secretaria de Organización asegura que o partido "fixo o que tiña que facer" ante a denuncia por acoso contra José Tomé

Pontón critica a dobre vara de medir do PP e Paula Prado considera que o BNG ten que abandonar o Goberno provincial

Unhas setenta mulleres do PSdeG asinan un manifesto "polo feminismo no partido" e en apoio de Silvia Fraga

G24.gal 14/12/2025 13:33 Última actualización 14/12/2025 20:02

A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, insistiu este domingo en que o partido fixo "o que tiña que facer" cos instrumentos que ten ante a denuncia interna por acoso sexual contra o exlíder da formación en Lugo José Tomé.

En declaracións antes de participar na manifestación en Santiago contra Altri, afirmou que a dirección "en ningún momento tivo ningún encontro con ningunha vítima, nin falamos directamente con ningunha vítima".

Aínda así, dixo que entende "o malestar" de certos sectores do partido –que pediron explicacións e cambios– pero que se fixeron as cousas "como establecen os protocolos".

Segundo explicou, escoitaron unha "terceira persoa" que lles transmitiu o testemuño da vítima e á que animaron a denunciar, que é o que "podemos facer", porque o artigo 191 do Código Penal  –xustificou– "impídenos facer unha denuncia" no seu nome.

"O Partido Socialista fixo o que podiamos facer e o que debiamos facer, que é sempre animar a denunciar", reiterou.

Malia as críticas internas, manifestou que senten "o apoio da militancia", do mesmo xeito ca o "malestar" que, segundo dixo, comparten desde a dirección pola situación que se produciu.

Asegurou que seguirán a dar explicacións ás súas bases, sen responder á petición de Xuventudes Socialistas para que sexa nun Comité Nacional extraordinario.

O partido "actuou en horas", puntualizou, en canto tivo coñecemento da denuncia, que se presentou na canle interna do partido "o luns á tarde" e que a dirección coñeceu "o martes á noite". 

"En menos de 24 horas", Tomé "xa presentara a súa dimisión" como presidente da Deputación de Lugo e "automaticamente despois, fixo declaracións o secretario xeral e convocou o órgano de dirección", relatou.

Dimisión de Silvia Fraga

Sobre a dimisión da secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga, que se produciu o venres pasado, Méndez limitouse a constatar que igual que se accede a un cargo voluntariamente, tamén "ten a vontade de deixalo no momento que crea oportuno".

A secretaria de Organización deu as grazas a Fraga "polo traballo realizado" e destacou que se trata dunha persoa "de gran capacidade, de gran valor" que ten que seguir sendo un "activo importante" no partido, como "feminista loitadora hai moitos anos" no PSdeG.

Canle interna anónima

Lara Méndez puxo en valor que o PSOE é o "único partido" que ten unha canle interna anónima para que poida denunciar calquera vítima de acoso polo que animou a outros a facelo.

Ademais, lembrou que o PPdeG "ocultou durante meses" a denuncia presentada contra o exconselleiro do Mar Alfonso Villares que, malia e todo, foi "despedido con vivas e aplausos" pola dirección do seu partido.

"Moitas explicacións"

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, considera que o PSdeG aínda ten que dar "moitas explicacións" sobre a súa actuación neste caso e agarda que José Tomé dimita de todos os seus cargos e non só como presidente da Deputación de Lugo.

"Sería bo que o expresidente da Deputación de Lugo entendese que o seu papel é agora mesmo non ter ningún tipo de responsabilidade pública", insistiu a líder nacionalista, xa que segue a ser deputado provincial e alcalde de Monforte.

Antes de participar na manifestación contra Altri, lembrou que non é a primeira vez que pasa en Galicia algo así e lamentou que o caso do exconselleiro do Mar Alfonso Villares, que dimitiu tras coñecerse unha denuncia contra el por agresión sexual, "non tivese a mesma repercusión".

Pontón criticou que o PP pida agora responsabilidades ao PSdeG "cando este mesmo ano encubriu durante meses un presunto agresor sexual, ao que mantivo no Consello da Xunta e ao que despediu entre aplausos", lembrou.

Tamén expresou a súa "solidariedade e apoio" ás mulleres que denuncian este tipo de situacións de acoso sexual, ás que instou a acompañar durante todo o proceso, e dixo que sente "moita tristeza" porque ningunha muller se ten que ver nunha circunstancia deste tipo.

"Rachar cos Gobernos do PSOE"

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, dixo que o BNG "ten que abandonar" xa o goberno da Deputación de Lugo e "deixar ao carón a hipocrisía e cinismo e rachar cos Gobernos do PSOE tanto en Galicia coma en España" polas denuncias por acoso sexual contra José Tomé.

En declaracións á prensa, a número dous dos populares galegos afeoulle ao BNG que se manifeste "pero non contra quen se ten que manifestar".

"A manifestación real que tiña que liderar a señora Ana Pontón era contra un goberno no que hai presuntos acosadores sexuais, contra un Goberno onde está instalada a corrupción e que está en completa descomposición. Un Goberno que está a esnaquizar as políticas que impulsan o futuro de Galicia", asegurou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade