O fútbol introduce o dereito de admisión da afección visitante
O Real Madrid e o Barcelona entregan unha cantidade ridícula de entradas aos equipos visitantes
Malos tempos para ir ver o teu equipo fóra da casa. Os cuartos de final da Copa que hoxe arrancan demostran unha falta de respecto maiúscula pola afección rival en gran parte dos equipos.
Velaí as ridículas cifras de entradas para os seareiros contrarios: o Barcelona non pasa das 162 entradas entregadas á Real Sociedade para no partido de hoxe, o 0,17 % do aforamento.
O club catalán, non obstante non limita a compra de entradas a ninguén, sexa do equipo que sexa, como puidemos comprobar esta mesma mañá simulando a compra de dúas entradas para hoxe.
Algo que si ocorre no sistema de venda de entradas do Real Madrid para o xogo de mañá contra o Atlético no Santiago Bernabeu. O equipo branco limita a compra de boletos aos forasteiros e especifica que estes só poderán mercar a través do equipo visitante.
O Real Madrid entrega 600 asentos aos veciños, (o 0,85 por cento do estadio) cando o equipo colchoeiro fixo unha petición de 4 mil entradas.
Os equipos estreman o dereito de admisión nos campos e, seica que por razóns de seguridade, mesmo prohiben a presenza de seareiros con camisolas distintas ás do equipo da casa.
Censura? Trampa? Vantaxismo? Limitación de dereitos? ou simple ridículo dun fútbol profesional que só se acorda dos afeccionados cando as cousas veñen mal dadas, primando o fútbol de butaca e salón que engordan os dereitos televisivos.