O Fortuna choca co Córdoba e coa súa inocencia (2-2)
Kybet e Álvaro Marín marcaron para o filial
Bri e Víctor lograron os tantos visitantes
O Fortuna xogou 45 minutos cun máis e os últimos tres contra nove
Cada partido do Celta Fortuna en Balaídos é coma unha festa. Unha festa cunha nora enorme na que o filial mete cada partido e no que lle empeza a dar voltas. Unhas voltas imprevisibles, frenéticas. Nas que primeiro marca Kybet (24´) e apenas tres minutos despois empata o rival (Bri). E daquela veña a xirar a nora e máis intercambio de golpes, de idas e voltas. Unha sucesión frenética de feitos futbolísticos para ledicia do afeccionado. A primeira parte acabou con sensación de igualdade e coa expulsión do visitante Álex Martín.
O da segunda metade pintaba a exercicio de paciencia local para tratar de exprimir a superioridade numérica. Pero falar de lóxica cando un está a xiros nunha nora... Cando se trata do Celta Fortuna, non encaixa. Porque estes rapaces entenden o xogo como unha paixón, sen freo, sen filtros. E así continuaron coa mesma marcha, a tope, expostos. Cun fútbol de riscos, fermoso.
Álvaro Marín aproveitou un tiro de Óscar Marcos e colocou o segundo aos 58 minutos. Daquela o encontro pareceu na man do Fortuna, pero o técnico rival moveu o banco e, cos trocos, desordenou o partido. Meteu en dudas ao filial. E empatou. Con Víctor, minuto 72.
E logo máis nora e maís voltas. Un final de tolos nos que ao filial lle faltou experiencia para tirar proveito da superioridade. E iso que o rival quedou con nove. Expulsión de Ruíz no minuto 87. E que tiveron ocasións. Pero nada.