Publicador de contidos

Publicador de contidos

Comeza o xuízo a Bolsonaro e a Fiscalía pediu que todos sexan condenados

Comeza o xuízo a Bolsonaro e a Fiscalía pediu que todos sexan condenados

Acusado de encabezar unha trama golpista, o expresidente e os outros sete acusados enfrontan penas de ata 40 anos

O expresidente de Brasil, Jair Bolsonaro/Adriano Machado/Reuters O expresidente de Brasil, Jair Bolsonaro/Adriano Machado/Reuters
G24.gal 02/09/2025 23:33

O xuízo oral contra o ex presidente brasileiro Jair Bolsonaro e outros sete acusados de golpismo comezou con malas noticias para os reos: a Fiscalía pediu que todos sexan condenados e o xuíz instrutor insinuoulles unha sentenza severa por tentar impoñer "unha verdadeira ditadura".

A primeira xornada do preito, que se celebra na Primeira Sala da Corte Suprema e concluirá a próxima semana, foi dedicada á lectura do informe do caso, a sustentación do fiscal xeral, Paulo Gonet, e a exposición de catro das oito defensas.

Antes de desmenuzar o caso, no que Bolsonaro enfróntase a unha posible pena de ata 40 anos de prisión, o relator Alexandre de Moraes rompeu o protocolo e defendeu "a absoluta" transparencia e legalidade do proceso fronte ás inxerencias de Estados Unidos.

O Goberno de Donald Trump sancionou a varios xuíces do Supremo brasileiro, incluído De Moraes, e impuxo aranceis do 50 % a parte das importacións brasileiras en represalia do que considera unha "caza de bruxas" contra o seu aliado político.

"Estas tentativas de obstrución non afectarán á imparcialidade e a independencia dos xuíces deste tribunal", afirmou De Moraes.

Afirmou que a historia brasileira sumou un novo intento de golpe que buscou "instalar un estado de excepción e unha verdadeira ditadura", tras a derrota de Bolsonaro nas eleccións de 2022 fronte ao actual mandatario, o progresista Luiz Inácio Lula da Silva.

Gonet tomou a palabra e afirmou que a trama golpista estivo liderada por Bolsonaro e levou a cabo "múltiples accións" cun só obxectivo: impedir a investidura de Lula e manterse no poder, sen recoñecer a súa derrota electoral.

"O grupo liderado por Bolsonaro desenvolveu un plan progresivo e sistemático de ataques ás institucións democráticas" e "mobilizou o brazo armado do Estado" para "impedir a investidura de Lula e minar os poderes da Xustiza", argumentou.

Segundo Gonet, a conspiración tamén planeou de maneira "minuciosa" o asasinato de Lula, do vicepresidente Geraldo Alckmin e do xuíz De Moraes.

Destacou que os autos están repletos de probas, pois a "organización criminal" documentou case todas as fases da súa aventura autoritaria por medio de arquivos, mensaxes, discursos e borradores de decretos.

"Todos contribuíron para a consumación do proxecto autoritario de poder", que só fracasou pola negativa dos comandantes do Exército e a Aeronáutica, asegurou.

Así, considerou que os feitos están "suficientemente probados" para condenar aos oitos procesados, entre os que figuran ex ministros de Bolsonaro e xefes militares.

Bolsonaro, en prisión domiciliaria por tentar obstruír o proceso, seguiu esta primeira xornada desde a súa casa, en Brasilia. Alegou problemas de saúde para non asistir, pero deixouse ver ante os medios apostados diante da súa casa co polgar cara arriba.

As alegacións das defensas

Tras a exposición do fiscal, comezou a quenda dos avogados dos reos, que rexeitaron por completo os cargos e demandaron que os seus clientes sexan absoltos.

"Cid falou de feitos que foron confirmados, polo menos os de extrema relevancia. O acordo de colaboración é sólido e dá sustentación aos feitos", declarou o avogado Jair Alves Pereira, quen defendeu os beneficios pactados para o seu cliente, que podería ter unha pena reducida pola súa confesión.

Eumar Novacki, avogado do exministro Anderson Torres, quen figura entre os acusados, dixo que o borrador de decreto golpista incautado o ano pasado na casa do que foi titular de Xustiza de Bolsonaro era un documento "apócrifo" que xa circulaba na internet desde antes.

"Non ten ningún valor e nunca foi discutido", manifestou.

O proceso continuará este mércores, cando se pronunciarán as catro defensas restantes. Entre elas, a de Bolsonaro.

As audiencias serán retomadas o 9 de setembro, xa en fase de sentenza, co voto do instrutor, quen propoñerá as posibles penas nun debate cos outros catro membros do tribunal, que con ese fin xa reservou sesións para os días 10 e 12.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade