O fiscal do Supremo nega presións da Fiscalía Xeral para cambiar de criterio sobre Puigdemont
O fiscal do Supremo mantén agora que os feitos imputados ao expresidente non poden considerarse delitos de terrorismo
Fontes fiscais, citadas por distintos medios, din que cambiou de criterio despois dunha xuntanza co Fiscal Xeral do Estado

O fiscal do Supremo tamén se opón a investigar a Puigdemont por terrorismo no caso Tsunami. Así o plasma no último informe, coñecido hai unhas horas, onde cualifica os disturbios como desordes públicas agravadas e danos. Pero segundo apuntan varios medios, non mantivo sempre este criterio.
Elaborou un primeiro borrador onde si defendía a existencia de delito de terrorismo contra o expresidente catalán. Fontes fiscais citadas por varios medios aseguran que Álvaro Redondo cambiou de criterio despois de reunirse co fiscal xeral do Estado. Nun comunicado, a fiscalía xeral do Estado nega calquera presión ao fiscal do Supremo para que modificara o seu escrito. E o propio fiscal do Supremo, noutro comunicado, sostén que non recibiu ningunha imposición.
O PP pide saber a verdade e reclama a comparecencia de García-Ortiz no Congreso para que explique o que pasou nesa xuntanza. Os populares poñen en dúbida a súa credibilidade e independencia.
Para o Goberno, estes cambios de criterio son habituais na xurisdición penal. O ministro de Transportes, Óscar Puente lembra que a fiscalía "é unha institución xerárquica" en que moitas veces un informe do Ministerio Fiscal ten "algún contido distinto" ao criterio do fiscal do asunto.
Con este último informe, o fiscal do Supremo coincide co da Audiencia Nacional e discrepa da valoración do xuíz, Manuel García-Castellón. Este segundo informe non é definitivo. Este martes vai ser sometido á Xunta de Fiscais, encargada de fixar a posición final. A posible imputación por terrorismo a Puigdemont podería ser clave nas negociacións da lei de amnistía entre os socialistas e Junts per Catalunya.